Friday 22 de November de 2024

A Xunta procederá á apertura da lagoa de Baldaio nos vindeiros días para evitar asolagamentos na contorna


Técnicos das Consellerías de Medio Ambiente e do Mar e da Universidade de Santiago visitaron esta semana a zona para determinar o seu estado actual e as medidas máis axeitadas a adoptar con carácter inmediato

A Xunta de Galicia procederá nos próximos días á apertura da lagoa de Baldaio, no concello coruñés de Carballo, co obxectivo de evitar futuros asolagamentos nas inmediacións deste espazo natural e que poidan afectar tamén á explotación marisqueira que se fai na zona. Con este fin, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de realizar unha encomenda para a execución destes traballos con carácter urxente.

A decisión de abrir a lagoa adoptouse despois da reunión que mantivo esta semana a mesa de traballo constituída entre as consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Mar para abordar a situación e buscar posibles solucións, a curto e tamén a longo prazo.

Como resultado da mesma, técnicos dos dous departamentos autonómicos e do Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago desprazáronse estes días a Baldaio para analizar in situ o estado da lagoa e informar sobre as medidas inmediatas máis axeitadas para paliar a situación. A raíz destas visitas, acordouse que a primeira acción a executar consistirá na apertura da lagoa co fin de que poida desaugar e ante a imposibilidade de que este proceso se produza nestes momentos de forma natural. A tal fin, hoxe mesmo procederase a balizar a área afectada.

Por outra banda, a xefa territorial de Medio Ambiente na Coruña, Cristina Carrión, reunirase esta tarde con representantes das asociacións ecoloxistas de Carballo que están a realizar labores de limpeza na zona para trasladarlles os pasos que se decidiu dar con relación á marisma e as primeiras conclusións dos técnicos desprazados ata o lugar.

Cómpre lembrar que os últimos temporais rexistrados en Galicia provocaron danos nas reservas de auga de Baldaio, o que provocou dificultades tamén para o marisqueo nesta zona. Ante a preocupación trasladada polo sector, a Xunta comprometeuse a levar a cabo actuacións de carácter inmediato e a solicitar os correspondentes permisos ante Costas.

De xeito paralelo, o Goberno autonómico tamén seguirá avanzando na redacción dun plan que permita conxugar os intereses medioambientais da lagoa cos do sector marisqueiro que explota os seus recursos. Así, está previsto que un equipo de investigadores da USC se encarguen de elaborar unha estratexia de actuación integral e estable no tempo que garanta a conservación dos valores naturais da lagoa de Baldaio e lle devolva o seu equilibrio.