Saturday 16 de November de 2024

A Casa da Cultura acolle mañá venres a apertura dunha exposición do Club de Xubilados con máis de 100 fotografías antigas


 

A apertura ao público terá lugar ás 20:00 horas

A Casa da Cultura de Lousame acollerá mañá venres 21 de febreiro, ás 20:00 horas, a apertura ao público da mostra “Lousame en fotos”, organizada pola asociación Club de Xubilados de Lousame, en colaboración co Concello de Lousame e coa financiación da Deputación da Coruña. Un acto que estará presidido por Francisco Avelino García Nieto e ao que asistirán os 23 socios e socias do Club de Xubilados de Lousame; a alcaldesa Teresa Villaverde e a concelleira de Servizos Sociais e Cultura, Silvia Agrafojo.

Precisamente, esta mañá Francisco Avelino García e Silvia Agrafojo supervisaron a montaxe da exposición. “A idea xurdiu un día que estabamos pensando en que podiamos facer e alguén dixo de facer unha exposición de fotografías antigas. Custou bastante traballo e tempo pero temos que agradecer a todos os veciños e veciñas que trouxeron estas máis de cen fotografías que espero que veña moita xente a visitar”, apuntou o presidente do Club de Xubilados de Lousame. De feito, Francisco Avelino García indica que “nesta exposición participan 23 persoas pero xa lle estamos dando voltas a outra cousa: creo que ao rematar esta imos empezar outra”. E é que moitas imaxes quedaron fóra da exposición por falta de espazo e tamén houbo máis persoas que se ofreceron a achegar máis material.

Unha proposta que asume con agradecemento a concelleira de Cultura e Servizos Sociais, quen convida “a toda a veciñanza de Lousame a vir mañá venres e comprobar o gran traballo que fixeron dende o Club de Xubilados recuperando estas imaxes, que vale a pena visitar e ver cantas lembranzas nos van traer”. A mostra abrirá as súas portas mañá venres e poderá ser visitada ata o 6 de marzo. Recolle un cento de imaxes de aldeas, persoas, edificios, festas, romarías…