A Súa Maxestade visitará o venres 28 de febreiro as instalacións do Centro Ágora ao longo dunha xornada que culminará co acto de nomeamento das gañadoras e gañadores da categoría social 2020
O concello colaborará no acto presidido pola raíña dona Letizia o vindeiro venres 28 de febreiro no Centro Ágora, en que se proclamará o Premio Fundación Princesa de Girona na categoría social 2020. A cidade será a segunda parada da xira anual na que se anunciarán os cinco novos mozos e mozas que destacan polo seu compromiso social e a súa traxectoria.
A Súa Maxestade visitará as diferentes actividades que se organizarán ao longo da mañá e que culminarán co veredicto das distincións, a partir das 12.30 horas. Logo de que se reúna un xurado formado por persoas expertas para deliberar as e os gañadores, terá lugar o nomeamento, en que participarán ademais das/os premiadas/os da fundación, o xornalista e humorista Juan Carlos Ortega e o emprendedor Xavier Verdaguer, entre outras persoas. Antes, organizarase no vestíbulo do edificio unha actividade paralela, en que 250 estudantes da comunidade traballarán en equipo para resolver o reto “Só na casa: ideas para
previr a soidade das persoas maiores”. Galicia participa por segundo ano consecutivo na xira de proclamacións da Fundación, despois de que Santiago de Compostela fose escenario o ano pasado do anuncio do Premio Investigación Científica en 2019.
Para solicitar acreditación, é necesario cubrir todos os campos dun formulario a través de https://es.fpdgi.org/p20/proclamacion/prensa/. É unha acreditación por persoa e non por medio e non se aceptarán aquelas que se presenten fóra de prazo. O período para enviala rematará o mércores 26 de febreiro, ás 18.00 horas. Poderanse recoller o venres desde as 08.45 horas no Centro Ágora no caso de seren para informar do Reto emprendedor e de 10.00 a 10.45 horas, para a chegada e acto da S.M. a Raíña e autoridades.