A Concellaría de Deporte, organizou este domingo 28 o 7º Torneo de Chave de Navidad
Dentro da programación deportiva de Nadal, este domingo tivo lugar a VII edición do Torneo de Nadal de Chave que organiza o Concello de Carral. O obxectivo desta actividade é o de fomentar a amizade e a unión entre as diferentes parroquias da localidade, á vez que a promoción deste xogo tradicional, moi arraigado no municipio.
O torneo comezou sobre as 11.15 h, no campo da Feira de Carral, e nel participaron os equipos federados da localidade (Ans, Quembre e San Vicente) ademais doutro composto por unha selección de xogadores afeccionados. Coa escusa do parón do Nadal nas diferentes ligas federadas, ao redor de 40 deportistas aproveitaron para xuntarse e gozar dunha mañá de xogo neste último encontro “chaveiro” do ano. Despois de dúas intensas horas de competición, os resultados foron os seguintes:
1º Club de Chave de Ans, que con 101 chaves revalidou o título conseguido na sexta edición.
2º Club de Chave O Pazo, de Quembre que con 60 chaves, sobe un posto respecto á anterior edición.
3º Casa Couto, de San Vicente, con 59 chaves, que disputou ata o último momento a prata do torneo.
4º Selección de afeccionados, con 44 chaves.
No relativo ao Máximo Chaveiro, o trofeo foi a caer en mans do xogador do club de Chave Ans, Jonathan, con 22 chaves. A afección do rapaz por este xogo tradicional, vénlle de lonxe, xa que tanto o seu avó coma o seu pai foron xogadores destacados na bisbarra. Agora, aos seus 20 anos, é unha das promesas na chave carralesa.
Todos eles tomaron parte nunha competición amigable na que despois da entrega de trofeos a cargo do concelleiro de deportes, Diego Otero, tal e como é tradicional no mundo da chave, todos os participantes gozaron duns aperitivos que dispuxo o concello.