Refírese a estes premios como un escaparate dos máis recentes progresos da Comunidade, que recoñecen a excelencia de obras públicas levadas a cabo cun so obxectivo: que en Galicia se viva mellor
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a calidade dos profesionais especializados na planificación e execución de obras públicas e a súa contribución a facer unha Galicia máis competitiva.
Nesta liña, e durante o acto de entrega dos Premios San Telmo, correspondentes ás edicións 2017 e 2019, que concede o Colexio de Enxeñeiros, Camiños, Canais e Portos de Galicia, Feijóo referiuse a estes galardóns, que acumulan xa 11 edicións, como un vistoso escaparate dos máis recentes progresos da Comunidade, en termos de competitividade, de calidade de vida e de benestar dos cidadáns.
“Estamos a falar duns premios que recoñecen a excelencia de obras públicas levadas a cabo cun so obxectivo: que en Galicia se viva mellor, cun territorio máis competitivo e vertebrado”, dixo, subliñando que a esa Galicia verde contribúen infraestruturas como a depuradora de Vigo -Premio San Telmo 2019-, unha obra impulsada conxuntamente pola Xunta e o Goberno de España, referencia de integración paisaxística e que ademais, xunto cos interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol –gañadores dun accésit- está ao servizo da calidade e coidado das rías.
O titular da Xunta aseverou que ambas as dúas infraestruturas son reflexo da Galicia que nos últimos 10 anos conseguiu mellorar en 10 puntos a porcentaxe de augas das rías que están en bo estado, superando o 75%.
Logo de poñer en valor a vontade permanente de progreso e benestar da Comunidade, Feijóo destacou a Terceira Rolda da Coruña –Premio San Telmo 2019-, e a ampliación da Ponte de Rande –gañadora dun dos accésit-, como outros exemplos máis dunha Galicia que aspira a ser cada vez máis competitiva, máis atractiva, máis segura e máis confortable.
Ao respecto, lembrou que, a pesar da severa recesión económica vivida, Galicia foi capaz de incrementar na última década en máis de 220 quilómetros libres de peaxe a rede autonómica de vías de altas prestacións, situando o 80% da poboación a menos de 15 minutos dunha desas estradas.
Por último, o presidente do Goberno galego recordou que para desenvolver con éxito as obras públicas, non só é preciso cumprimentar trámites e permisos, senón tamén acadar a “licencia social” que só poden outorgar os cidadáns. “Todos os esforzos serán en balde se non se acerta en responder ás necesidades e demandas dos cidadáns”, abundou.
Feijóo concluíu trasladando o desexo de que na próxima convocatoria destes galardóns, a do ano 2021, a finalización do AVE a Galicia gañe o premio San Telmo. “Iso sería a mellor noticia en materia de infraestrutura que podería ter Galicia en 2021”, sentenciou.