Saturday 16 de November de 2024

A punto de finalizar en San Sadurniño o prazo de solicitude das bolsas escolares e das axudas para conciliación na EIM


 

Tal e como publicou o Boletín Oficial da Provincia do pasado 23 de xaneiro, encontrámonos nos últimos días para presentar as solicitudes de bolsas escolares para estudos obrigatorios e postobrigatorios e tamén aquelas dirixidas a familias con crianzas matriculadas na EIM A Rolada durante o presente curso. O prazo para a presentación presencial nas oficinas municipais finaliza este venres ás 14.30h., mentres que para a tramitación telemática a través da Sede Electrónica o prazo remata ás 23.59h. do sábado. Para o presente curso 2019-20, o Concello reservou unha partida total de 25.000 euros.

Ese importe distribúese en catro apartados: 10.000 euros para estudos postobrigatorios, cun máximo de 600 euros por bolsa; 5.000 euros para estudos obrigatorios, cos que se financiarán bolsas de ata 200 euros por alumna/o; 8.000 euros para axudas da EIM A Rolada, cun límite máximo de 1.500 euros por menor e, por último, un cuarto apartado dotado con 2.000 euros de reserva para situacións socioeconómicas especiais.

Para outorgar as bolsas atenderase, entre outros, a criteiros de renda, número de membros da unidade familiar e, no caso dos estudos postobrigatorios, tamén ao expediente académico do mozo ou moza para quen se solicite a bolsa.

Se falamos das axudas para gastos de conciliación na EIM A Rolada tamén se terá en conta os umbrais económicos das familias solicitantes, o importe total do servizo contratado e o crédito dispoñible para esta liña da convocatoria.

Volvemos insistir: as solicitudes poderán facerse presencialmente no Rexistro municipal ata as 14.30h. deste venres 21 de febreiro, ou ben de maneira telemática ata as 23.59h. do sábado. Neste último caso cómpre cubrir a solicitude xenérica dispoñible na Sede Electrónica e adxuntar como documentación complementaria os tres anexos debidamente cubertos.