Friday 22 de November de 2024

A falla dun médico retrasa as citas no centro de saúde de San Sadurniño máis dunha semana


 

Tal e como puido saber esta mesma mañá o Concello por varias persoas usuarias, o Centro de Saúde de San Sadurniño está nestes momentos de novo baixo mínimos. Falta un dos dous médicos de familia e desde o SERGAS, polo momento, non se enviou quen o sustituíse, de maneira que a atención está sendo asumida polo outro facultativo, que xa ten cuberto desde hai tempo o seu cupo de pacientes. Nesta situación o centro médico está dando citas a máis dunha semana vista -agás urxencias-, cando o habitual é obter vez para nun prazo de dous ou tres días. O Concello denuncia que se trata dun “problema habitual” cada vez que se producen baixas ou vacacións do persoal médico do Centro de Saúde e por iso volve demandar da Consellaría de Sanidade “que se garanta a cobertura permanente dos servizos”.

Neste sentido, o Concello ten previsto rexistrar entre hoxe e mañá unha carta dirixida á xerencia de zona do SERGAS na que se insta ao servizo público a “corrixir unha situación reiterada nos últimos tempos” que se traduce na na sobrecarga dunha das consultas e en demoras na atención “cando só hai un facultativo que deba asumir a relación de pacientes do que está ausente, sexa por razón de permisos ou debido a unha incapacidade temporal”.

Unha situación de “merma na calidade do servizo” que, a xuízo do Goberno local, “se agrava nos casos en que o único médico dispoñible ten que saír para atender urxencias”.

O Concello denuncia, ademais, que o Centro de Saúde de San Sadurniño “vive nunha constante incerteza e precariedade”, recordando ao respecto a falla de servizo especializado de Pediatría “desde hai máis dun ano” e a recente interrupción temporal do servizo de Matronería, que obriga ás futuras nais a desprazarse a outros centros para seren atendidas.

Nestes momentos, e tal e como comunicaron algunhas persoas usuarias, quen solicite consulta para o seu médico de familia está obtendo cita para xoves ou venres da semana que vén.