As actuacións da Banda de Música de Ordes, Os Viqueiras, Ritmo Galego e a coral Eumesa encheron o auditorio da casa da cultura
O XXIII Concerto de Nadal do Concello de Ordes encheu o auditorio da casa da cultura. Unha cita incluída no programa navideño organizado polo Concello de Ordes. Como de costume a Banda de Música de Ordes ocupou un protagonismo especial no cartel de actuacións, que se completaba coas formacións ordenses Ritmo Galego, Os Viqueiras, así como a coral polifónica Eumesa.
A cita tamén se caracterizou pola estrea do pasadobre especialmente composto para Fernando Gontad, actual director da banda ordense, por parte do mestre Santos Bartolomé, compositor e exdirector da Banda de Santiago. Entre o público asistente estiveron tamén os concelleiros Roberto González, Ramón Vázquez e Roberto Iglesias, que tras finalizar as actuacións fixeron entrega de placas conmemorativas a todos os grupos participantes.
Ademais, durante a mañá a escola municipal de música acolleu unha master class introdutoria aos sistemas de improvisación na batería, a cargo do músico local Hilario Rodeiro.
O XXIII Concerto de Nadal foi organizado pola Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes e a Banda de Música de Ordes, en colaboración co Concello.