A concelleira de Festas, Diana Cabanas, entregoulle a Jesús Abruñedo “Grifa” unha placa de recoñecemento como Choqueiro de Monte Alto 2020 e agradeceulles a el e ás e aos que coma el fan que A Coruña baile “alegre” no Entroido
A concelleira de Festas, Diana Cabanas, entregoulle unha placa de recoñecemento a Jesús Abruñedo Fraga, “Grifa”, como Choqueiro de Monte Alto 2020, que se colocará xunto ás outras que están instaladas na rúa San Xosé, en que se exalta esta figura do Entroido que é, para a edila, algo máis que un disfrace improvisado cunha perruca e unha careta: “É un sentimento, non se explica, es ou non es”. A concelleira engadiu que ver sorrir a xente a reconforta, é a razón fundamental para ser choqueiro/a e non outra cousa, porque lle dá alas para brillar durante o Entroido e o resto do ano xa que “un non pode deixar de ser choqueiro nin un só día”.
Cabanas agradeceu o labor que fan as e os que improvisan no armario para que A Coruña baile alegre. Pola súa parte, Romualdo Irixoa, da comparsa Os Maracos, propuxo convocar o ano que vén a mocidade dos institutos a participar no certame de comparsas e dese xeito crearmos canteira para que haxa un relevo xeracional: “Que o Entroido coruñés transcenda e teña un recoñecemento, porque o que hai o martes na rúa da Torre non o hai en ningún sitio de Galicia. É un espectáculo que reúne a miles de persoas”.