Friday 22 de November de 2024

O concello de Fene conmemorará o vindeiro domingo o Día de Rosalía


 

O parque de Rosalía de Castro, en Perlío, acollerá este domingo 23 de febreiro, ás 12.30 horas, o acto institucional que organiza o Concello de Fene con motivo do “Día de Rosalía”. Acolléndose un ano máis á proposta da Fundación Rosalía de Castro, dende a concellería de Cultura faise tamén un chamamento aos establecementos de hostalería do termo municipal para que se sumen á iniciativa e sirvan o domingo como tapa o “Caldo de gloria”, inspirado no poema “Miña casiña, meu lar”, de Rosalía.

O acto institucional do “Día de Rosalía” comezará coa intervención do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e completarase coa lectura do poema de Rosalía de Castro e coa lectura do manifesto da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG), a cargo de Loreto de Castro. Por último, haberá unha ofrenda floral a carón do monolito adicado á nosa poeta nacional.

Amais do acto que terá lugar no Parque Rosalía de Castro de Perlío, a partir das 12.30 horas, dende o Concello de Fene anímase aos establecementos de hostalería do termo municipal a que sirvan o domingo como tapa o “Caldo de gloria”, seguindo as instrucións que Rosalía dá no seu poema “Miña casiña, meu lar” e no que a poeta explica como facer un caldo humilde, en referencia á épica da supervivencia diaria.

“O caldo de Rosalía, a épica dos humildes”

Tal e como se recolle no díptico editado polo Concello de Fene a propósito desta data, “queremos conmemorar o Día de Rosalía lembrando o poema “Miña casiña, meu lar” de Follas novas, no que unha muller pobre conta un capítulo da súa épica diaria: a de sobrevivir. Esta muller que vén de Santiago a Padrón e chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo e de que os seus avaros veciños lle negan o que lles sobra, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote. No seu triunfo sobre a desventura e a pobreza, ao pé da quentura da lareira no seu fogar, está tamén a lección de como con case nada o ser humano é quen de sobrevivir e ademais ser feliz”.