A nova lexislación establece a obriga de garantir o rexistro diario da xornada do persoal e conservar os datos durante catro anos
A sede da Deputación da Coruña acolleu esta mañá unha xornada sobre a aplicación da nova lexislación estatal que obriga ao control horario dos traballadores por parte dos concellos da provincia.
A organización desta xornada responde ás múltiples consultas e ao interese mostrado por moitas administracións locais sobre a nova normativa
O curso foi inaugurado polo deputado responsable da área de Economía, Facenda e Persoal, Antonio Leira, que destacou importancia de cumprir co establecido no Real decreto 8/2019 de 8 de marzo, que “garante a seguridade xurídica de empregados e empresas” e ten como obxectivo controlar que non se excedan as xornadas laborais máximas esixidas na normativa e que, no seu caso, se retribúan as horas extra.
Leira explicou que a Deputación “ofrece aos municipios da provincia unha extensión da súa propia aplicación informática de control horario que permite aos concellos xestionar o control horario dos seus traballadores”.
As empresas e administracións públicas teñen a obriga de documentar e garantir o rexistro diario da xornada de todos os traballadores e traballadoras, conservar os rexistros durante catro anos e mantelos a disposición das persoas traballadoras, os seus representantes legais e a Inspección de Traballo e Seguridade Social.
Leira enmarcou esta nova acción “no amplo catálogo de servizos que a Deputación ofrece aos concellos”. O deputado lembrou que, ademais de investir na mellora de infraestruturas dos 93 concellos coruñeses, a Deputación contribúe a mellorar os servizos públicos, especialmente nos pequenos e medianos municipios, xestionando servizos como a implantación da administración electrónica ou a recadación tributaria, da que se benefician a 82 municipios da provincia e que permite adiantar aos concellos ata o 98% da súa recadación.