As cinco liñas de subvencións abertas teñen como obxectivo fomentar a actividade deportiva en todos os seus ámbitos e apoiar o traballo de centos de clubs e deportistas coruñeses
A Deputación da Coruña convoca cinco programas de subvencións destinados a apoiar ás entidades e clubs deportivos da provincia.
Cun orzamento global de máis de 3,6 millóns de euros, as axudas teñen como obxectivo “a promoción da actividade deportiva en todos os seus ámbitos, dende o fomento do deporte base ao apoio a grandes eventos e investimentos”, segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
Formoso subliñou “o importante esforzo investidor” que realiza a Deputación en materia deportiva e sostivo que estas liñas de subvencións contribúen a manter a actividade e o funcionamento dos equipos coruñeses en competicións de todas as disciplinas e categorías deportivas, “recoñecendo o esforzo que fan cada día milleiros de deportistas para colocar os clubs provinciais na vangarda do deporte galego”.
Apoiar os clubs en competicións oficiais
As bases dos diferentes programas veñen de ser publicadas no BOP do 13 de febreiro e recollen cinco modalidades diferentes de subvencións.
Dous dos programas están dirixidos a clubs deportivos da provincia da Coruña que participen en competicións federadas de ámbito local, provincial ou autonómico (655.000 euros) ou nacional e internacional (1.300.000 euros).
No caso dos clubs que compiten a nivel local, provincial e autonómico, as axudas oscilarán entre os 5.000 e os 75.000 euros que se poderán destinar a cuestións como a adquisición de material deportivo non inventariable, aloxamento, seguros, soldos e salarios do persoal deportivo, cotas a entidades ou gastos de participación en competicións oficiais. Para os clubs federados que compiten a nivel nacional ou internacional estas axudas poden chegar ata os 125.000 euros.
Infraestruturas, equipamento e actividades
A Deputación convoca tamén un programa de axudas dotado cun orzamento de 400.000 euros e destinado ás entidades deportivas da provincia para mellorar as súas infraestruturas e equipamento durante o ano 2019.
As entidades poderán solicitar así subvencións da institución provincial para a adquisición, rehabilitación ou mellora de instalacións, obra nova, bens inventariables como maquinaria, ou medios de transporte, entre outras. Nesta liña, as achegas da Deputación oscilarán entre os 1.000 € e os 40.000 euros.
Tamén se dota con 300.000 euros a liña de actividades deportivas de entidades que teñan como finalidade mellorar a condición física, a ocupación activa do tempo de lecer, o deporte afeccionado ou popular, a promoción social dos valores deportivos, ou a organización de actividades de formación. Neste caso as axudas poden ir desde 1.000 a 30.000 euros.
Grandes eventos deportivos
A área de Deportes reserva tamén 395.000 euros para unha liña de subvencións destinada a apoiar as entidades sen ánimo de lucro da provincia na organización e desenvolvemento de grandes eventos deportivos, singulares ou de especial interese pola súa incidencia en termos deportivos, sociais ou económicos para o territorio no que se realizan.
O orzamento mínimo destes eventos para acceder ás axudas debe ser de 50.000 euros e a Deputación achegará subvencións de entre 6.000 e 70.000 euros, en función do orzamento.
Entre outras cuestións, as entidades organizadoras deben acreditar os recursos materiais e humanos necesarios para o desenvolvemento do evento, o número de deportistas participantes femininas, o seu ámbito (autonómico, nacional ou internacional), a inclusión da proba no calendario oficial de competicións e o impacto deportivo, social ou económico previsto.