As concelleiras Eva Martínez e Yoya Neira destacaron os beneficios dun programa financiado pola Fundación Vodafone a través da Federación Down España e do que se prevé que se materialicen 26 novos contratos na súa sexta edición
A concelleira de Emprego, Eva Martínez, e a de Benestar Social, Yoya Neira, presentaron esta mañá o programa “Yo me preparo”, en que colabora o concello e que está financiado pola Fundación Vodafone, a través da Federación Down España, co fin de lles facilitar a inserción laboral ás persoas con síndrome de Down cunhas lentes virtuais que lles permitirán traballar as entrevistas de selección de persoal. Martínez Acón destacou que desde ambas as dúas concellerías están traballando estreitamente con Down Coruña a través de convenios de colaboración para mellorar as súas condicións de vida: “É moi satisfactorio ver como as novas tecnoloxías se poñen a disposición de quen ten dificultades e que isto lle sirva de adestramento para se enfrontar á busca de emprego”. A edila de Benestar Social sinalou que o mellor de iniciativas así é “todo o que nos ensinan a nós as persoas participantes” e que desde a Administración teñen a obriga de visibilizar, que é normalizar a súa situación porque “non gañades vós no momento en que entrades nunha empresa, senón que gañamos nós con ese feedback que recibimos”.
Nota de Prensa
Pola súa parte, o presidente de Down Coruña, Manuel Esmorís, explicou que desde 2002 desenvolven este programa de emprego e agradeceu o apoio da concellería que fai posible a contratación de profesionais cualificados/as que forman e lles dan unha oportunidade ás persoas con síndrome de Down para se converteren en axentes activos: “Os momentos máis críticos á hora de afrontar un emprego danse nas entrevistas de traballo, pero grazas a Down España e á Fundación Vodafone, esta tecnoloxía de realidade virtual permite simular a modo de adestramento as entrevistas para que vaian máis preparados/as á cita cos seus futuros xefes e xefas”.
Na edición deste ano, “Preparados”, prevese que se materialicen 26 novos contratos laborais, que se sumarán aos 356 totais destes seis anos, en que participaron 1.250 persoas. Neste aspecto, Severino Castromán, representante da Administración Pública en Galicia de Vodafone, indicou que existen en España 1.800.000 persoas con discapacidade entre os 18 e os 44 anos, das que só un 34% están no mercado laboral, “unha das fontes de sociabilidade e independencia”. Desde 2009, beneficiáronse da fundación máis de 22.000 persoas que asistiron ás súas actividades formativas e de integración. Un dos que se apuntou á VI edición de “Yo me prep@ro”, Pedro Barreiro, falou da súa experiencia persoal como empregado na actualidade de Hipercor: “Estou moi contento cos meus compañeiros e coas miñas compañeiras. Dedícome a reciclar cartón, papel e plástico, a clasificar a roupa, a atender a clientela e a manter a zona limpa. Isto todo supón un paso máis para a miña independencia”. Javier Cobos, xefe de Persoal de El Corte Inglés Coruña, insistiu en que cando se fala de iniciativas de integración laboral, cómpre falar de persoas que poden facer “unha parte importante” dos traballos. Sobre Pedro, dixo que forma parte do noso equipo e que realiza todas as tarefas que fan o resto dos seus compañeiros.