Saturday 16 de November de 2024

Infraestruturas inicia mañá os traballos de demolición do viaduto da rolda de Nelle


As obras para reurbanizar este cruzamento estenderanse ata o 5 de marzo e será este sábado cando se inicie a demolición do paso superior

Mañá comezan os traballos de demolición do paso superior sobre a rolda de Nelle coa avenida Fisterra para reurbanizar este cruzamento. Para esta derriba empregarase unha retroescavadora sobre eirugas, unha de 55 toneladas e outra de 50 toneladas. Para cargar e retirar os residuos que se xeren, ambas as máquinas están equipadas con dúas pinzas de demolición e martelo hidráulico e de cazos.

O procedemento para esta execución, que comprende desde o día 19 de febreiro ata o 5 de marzo, realizarase en tres fases:

A fase 1 (do 19 ao 21 de febreiro) implicará un corte total de tráfico en ambos os sentidos do viaduto. Habilitarase unha alternativa polos carrís laterais e sen lle afectar á avenida Fisterra. Nesta fase, que arrinca mañá ás 9.30 h, retiraranse os báculos de iluminación e tráfico, os cables colgados do paso superior e a bionda metálica. Tamén se acometerá o fresado do aglomerado do taboleiro para permitir a xestión diferenciada dos residuos que se xeren.

Na fase 2, que se executará desde este sábado ás 8.00 h e ata o vindeiro martes 25 de febreiro ás 23.00 h, cortarase o tráfico na rolda de Nelle e na avenida Fisterra para iniciar a demolición do paso superior, que comezará polo van de vigas localizado sobre a avenida Fisterra. Realizarase un valado perimetral en toda a obra e permitirase soamente o acceso das persoas habitantes das vivendas localizadas na zona da obra.

Nota de Prensa

Unha vez que se corte o tráfico e se remate o valado provisional, iniciarase a demolición mecánica coas retroescavadoras. O primeiro van en demoler será o van 4, situado sobre a avenida Fisterra e de 20 metros de lonxitude. Para evitar proxeccións, nas zonas máis próximas aos edificios haberá un camión grúa que terá colgada unha lona para protexer as vivendas. Canto á propagación de po, haberá difusores de auga localizados na zona que se vai demoler. Ademais, o residuo xerado irase amoreando no chan, sobre o terreo xa estendido, e procederase a segregar o formigón da ferralla.

O seguinte van que se vai demoler será o van 5, de 12,75 m de lonxitude. O proceso de demolición será similar. Unha vez derribado este, demolerase o van 3 seguindo a mesma mecánica. Deste xeito, o mércores 26 de febreiro deberá quedar permitido o tránsito pola avenida Fisterra e quedará o resto da zona de obra valada ata que rematen os traballos.

Na fase 3, que comprende dende o 26 de febreiro e ata o remate estimado o 5 de marzo, demoleranse os vans 2 e 1, así como os estribos e os muros dos estribos. Nesta fase manterase o valado da fase 2, pero permitirase o paso peonil e de vehículos pola avenida Fisterra.

Alteración nas liñas de buses

Durante a primeira fase dos traballos de demolición que se realizarán entre os días 22 e 25 de febreiro, os dous incluídos, veranse afectadas as liñas 6-6A e 22, no sentido de saída da cidade, e 6-6A e 20 no sentido de entrada. Como consecuencia, en sentido saída, as liñas 6-6A e 22 desde avda. Fisterra n.º 84 circularán polo Paseo das Pontes e o Paseo de Ronda ata a glorieta da rolda de Nelle con Vila de Negreira, continuarán pola rolda de Nelle e desviaranse pola rúa Agra do Orzán ata a rolda de Outeiro, onde a liña 22 recupera o seu itinerario habitual, e a 6-6A na avenida Fisterra.
Nota de Prensa

No sentido de entrada á cidade (cara á praza de Pontevedra), as liñas 6-6A e 20, desde a glorieta da rolda de Outeiro coa avenida Fisterra, circularán pola rolda de Outeiro, Vila de Negreira, Paseo de Rolda e Paseo das Pontes, para enlazar na avenida Fisterra co seu itinerario habitual.

Tamén desde o 22 de febreiro e ata que a evolución das obras permita recuperar o itinerario habitual, a liña 12 en sentido Catro Camiños desviarase desde a rolda de Nelle pola rúa Agra do Orzán, rolda de Outeiro e avenida de Arteixo. Recuperarase na rolda de Nelle (á altura do centro de formación Abanca) o seu itinerario habitual.

En sentido de circulación cara aos Rosales, desde a rolda de Nelle (centro de formación Abanca) desviarase pola avenida de Arteixo, rolda de Outeiro, Vila de Negreira e rolda de Nelle / Gregorio Hernández, onde se reincorpora ao seu itinerario habitual.

En todos os casos faranse as paradas existentes nos itinerarios alternativos, coa excepción da liña 12, que non fará a parada de rolda de Outeiro, Vioño pola dificultade que implica para tomar a avenida de Arteixo cara á rolda de Nelle.