Friday 22 de November de 2024

Fabiola García visita o centro de día de maiores e os servizos de atención á discapacidade de íntegro en Cabana de Bergantiños


Destaca a boa acollida que ten entre os seus usuarios o servizo de atención diúrna
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá en Cabana de Bergantiños o centro de día para persoas maiores de titularidade autonómica e as instalacións de atención á discapacidade de Íntegro. Nestes centros tivo a ocasión de escoitar as necesidades que teñen usuarios e familiares co obxectivo de seguir a mellorar a atención que reciben.

Fabiola García, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou a boa acollida do centro de día entre a trintena de usuarios que ten. Tamén apuntou que o obxectivo da Xunta, da man do Concello, é seguir a mellorar a atención deste servizo público de máxima calidade.

Con anterioridade, a conselleira estivo nas instalacións de Íntegro, entidade de referencia no eido da atención á discapacidade e onde a Xunta financia 14 prazas: oito no centro ocupacional e seis no centro de día.

Nestas instalacións, Íntegro desenvolve diferentes obradoiros e actividades para que os seus usuarios gañen en autonomía e adquiran novas habilidades que lles abran a porta ao mercado laboral. Esta entidade presta servizos de fisioterapia, transporte adaptado ou de integración laboral; e ademais leva a cabo tanto obradoiros como accións formativas de xardinería, madeira, bixutería ou informática, entre outros.