A comitiva percorrerá Marqués de Figueroa e finalizará o desfile no ximnasio do CPI con música, merenda e obradoiros infantís
¿Que?, ¿remexestes xa no faiado?
O Entroido volverá botarse á rúa en San Sadurniño este sábado 22 de febreiro. Despois de anos gardada no ximnasio do CPI, a romaxe de disfraces sairá ao aire libre nunha tarde que promete ser soleada e con boa temperatura. A área de Cultura quere darlle desta maneira un novo impulso á festa e por iso citou a todas as persoas que queiran participar a xuntarse nos xardíns municipais ás 17.00h. para, pouco despois, emprender a marcha trouleira con destino ao CPI. Unha marcha que estará encabezada polo grupo de gaitas da escola municipal levando tras de si unha chea de disfraces para os que hai reservados varios premios.
Cultura deseñou a actividade pensando nun público familiar, aínda que o desfile non está pechado a comparsas nin tampouco a máscaras espontáneas (reflexionamos ao respecto delas algo máis abaixo). Haberá premios para os tres mellores disfraces infantís -ata 8 anos-, para os tres mellores xuvenís -de 9 a 17 anos- e outro para o grupo de mocidade -4 ou máis persoas, tamén de 9 a 17 anos- que veña mellor ataviado e que máis anime a festa. Ademais resérvase un accésit especial para o mellor disfrace familiar. Os premios serán xantares ou ceas nos restaurantes do concello. As bases poden descargarse desde aquí.
A marcha entroideira sairá ás 17.00h. dos xardíns municipais e irá avanzando por Marqués de Figueroa ata chegar ao ximnasio do centro de ensino. Alí atopará un obradoiro de globoflexia e outro de maquillaxe, ademais de ricas sobremesas -orellas, freixós e chocolate quente- coas que repoñer forzas e cargar pilas para o resto da tarde, animada co espectáculo musical e de picadiscos de María Faltri e Jorge Juncal.
Obradoiro infantil o luns pola mañá
O luns de Entroido e día de vacacións para a rapazada antes do festivo local do martes, ofrecerase un obradoiro para nenas e nenos (+4 anos) no que tamén aprenderán a elaborar a receita dos freixós. Logo decoraranos con crema de cacao, viroitas de caramelo, froitas… e para rematar farán un chocolate co que acompañar a degustación.
Para este pequeno taller culinario ofértanse 15 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. Desenvolverase entre as 11 e as 12.30h. e cómpre apuntar a rapazada directamente na Casa da Cultura ou no correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.gal.
E agora, unha reflexión sobre o Entroido: ¿disfrazarse ou ir de máscara?
Quedan xa moi pouquiños días para os fastos do Entroido en San Sadurniño e o reloxo corre na nosa contra se aínda non temos indumentaria. E aquí hai varias opcións: deixarse levar polo doado e mercar calquera cousa en calquera sitio por catro pesos, botar man de retais e de máquina de coser ou, como se fixo sempre, subir ao faiado a ver que atopamos.
O faiado, ese sitio misterioso onde se garda todo e onde hai de todo. Lugar visitado nas datas previas ao Entroido -aínda que cada vez menos- para buscar roupa vella e tarecos cos que compoñer un traxe estrafalario para ir de máscara.
Si, “ir de máscara”, que non é o mesmo que disfrazarse. É parcido, pero non ighual. As máscaras que van de máscara, as de verdade, non van a cara descuberta, tampouco se preocupan moito de se a súa indumentaria loce máis ou menos, nin sequera lles chaman os desfiles entroideiros organizados aquí e acolá.
As máscaras son máis de guerra de guerrillas, de incursións espontáneas en calquera casa na que se celebre o Entroido: entrar, tomar un chiquito, arramplar con orellas e freixós, meterse co persoal e marchar coas chanzas a outro lado mantendo o anonimato.
O seu proceder conta coa indulxencia plenaria decretada durante estas datas para todo tipo de desmanes, e co status popular de seren intocables. Porque, esa é outra, ás máscaras non se lles pode tocar nin moito menos tentarlles quitar a careta por moita comezón que teñamos por saber quen se oculta tras dela.
Se te visitan as máscaras, hai que aguantar as bromas, rezar para que non sexan pesadas e, se o son, pedirlle ao Altísimo que se vaian rápido. Ollo, tampouco se trata de poñerlles mala fama, xa que as máscaras, malia facer esterco e cine espeso alí por onde pasan, tamén arman momentos de moita risa e a súa marcha case sempre é motivo máis de pesar que de alegría.
Esa foi durante anos a esencia do Entroido. Agora xa non o é. Nos tempos que corren, a festa pagá converteuse nun espectáculo, pouco máis ca un pase de modelos cheo de brillos onde prima sobresaír en xenialidade creativa máis que en capacidade para manter esoutra parte fundamental da tradición cultural relacionada co reforzo da comunidade.
As cuchipandas do Domingo de Entroido van indo a menos cando, non hai tantos anos, estaban marcadas en grande no almanaque festeiro do ano. Tampouco hai máscaras -nin grandes nin pequenas- percorrendo camiños e casas. Si hai disfraces e comparsas en bailes, ceas e desfiles, pero non máscaras. Pensemos niso, porque igual é tempo de recuperalas para que non desaparezan definitivamente.