Friday 22 de November de 2024

O Concello de Frades convoca as axudas para transporte e para material escolar dirixidas ás familias con ingresos máis baixos do municipio


 

As axudas ao transporte increméntanse en 50 euros

O Concello de Frades convoca as axudas para transporte escolar e para a compra de material escolar para o curso académico 2019-2020, que están dirixidas ás familias máis necesitadas do municipio. Unhas axudas cuxas bases foron publicadas hoxe no BOP, polo que mañá martes ábrese un período de 15 días hábiles para presentar as correspondentes solicitudes.

A subvención para transporte escolar está dirixida a alumnos e alumnas de Bacharelato ou de Formación Profesional (Grado Medio) e terá unha contía de 200 euros, é dicir, 50 euros máis que ata o de agora. Pola súa banda, as axudas para a compra de material escolar están dirixidas a alumnos e alumnas de Primaria e Secundaria e ascenderán a 70 euros por alumno/a e curso. O Concello de Frades destinará un total de 5.000 euros a estas axudas.

En ambos casos, para poder optar a estas axudas é preciso que a persoa estea empadroada no Concello de Frades, que estea cursando os estudos para os que solicita a axuda, que a súa familia estea ao día no pago das obrigas tributarias co Concello e non teña pendente de xustificación ningunha subvención anterior. O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro, explica que “aínda que o segundo grao de Educación Infantil, o grao medio da FP ou o Bacharelato non son ensinanzas obrigatorias, o Concello de Frades convoca estas axudas para estas etapas para axudar a que as familias con menos recursos económicos teñan acceso á formación en igualdade de condicións”.

Documentación

Para presentar as solicitudes, as familias deberán dirixirse ao Rexistro Xeral do Concello de Frades e achegar a seguinte documentación: copia do DNI de todas as persoas integrantes da unidade familiar, copia do libro de familia, resgardo da matrícula do centro no que está a realizar o curso escolar deste ano e xustificante dos ingresos da unidade familiar en 2018 (declaración da renda, nóminas, pensións, certificado de ser demandante de emprego, etc). Así mesmo, poderanse presentar certificados acreditativos da situación de familia monoparental ou do grao de minusvalía dalgún membro da unidade familiar, se fose o caso.

O prazo de presentación de solicitudes remata o martes 10 de marzo e as subvencións unicamente serán concedidas as familias cos ingresos per cápita máis baixos. Para máis información, os solicitantes poden dirixirse aos Servizos Sociais Municipais ou chamar ao teléfono 981 695 567.