A Administración autonómica ten aberto desde este mes o prazo de presentación de solicitudes
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, acompañado do delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, reuniuse esta semana con alcaldes de concellos das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra, e nos vindeiros días farao con rexedores lucenses, para informarlles sobre as novas axudas para a creación de casas do maior. A Xunta ten aberto desde principios deste mes o prazo de presentación de propostas para estender a máis concellos estes pequenos centros de día para maiores, que non teñen coste algún para os seus usuarios.
Esta nova orde de achegas, xa publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), permitirá chegar ás 60 casas do maior en funcionamento este mesmo ano. Nesta nova convocatoria os requisitos para acceder ás axudas son máis flexibles xa que poderán contar cunha casa do maior financiada pola Administración autonómica tanto os concellos de menos de 5000 habitantes como todos os que non teñan un centro de día, aínda que seguirán primando as localidades pequenas.
Entre as novidades desta orde está a de que se amplía o perfil das persoas usuarias: xa non será necesario que conten cunha valoración de dependencia, senón que poderán asistir a estas casas os maiores que sexan autónomos. E a segunda, que a Xunta financiará ás persoas promotoras destas casas para que trasladen aos maiores usuarios desde os seus domicilios, ida e volta.
Esta segunda convocatoria de casas do maior conta cun orzamento global de 1,3 millóns de euros. Ildefonso de la Campa sinalou aos rexedores que deste crédito, 830.000 euros son para adecuación das casas, cun límite de 15.000 euros por centro; e os 500.000 euros restantes para o seu funcionamento diario, con 19.600 euros ao ano por cada casa do maior.