Friday 22 de November de 2024

Entrega dun novo vehículo para o useo dos voluntarios de Protección Civil de Valdoviño por parte do presidente da Deputación da Coruña


Acto de entrega dun novo vehículo para o useo dos voluntarios de Protección Civil de Valdoviño por parte do presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo. O vehículo, marca Nissan Navara, foi adquirido pola institución provincial por un importe de 38.713,95 euros.
A agrupación de Protección Civil de Valdoviño viña utilizando ata agora un coche antigo, cedido polo Concello, e solicitaron un novo á Deputación porque, segundo explicou o presidente da agrupación, “somos un municipio con moita costa e con moito monte e necesitábamos un novo coche para atender correctamente as necesidades do concello”.
Durante o acto de entrega, Diego Calvo recoñeceu e agradeceu o labor que realizan estes voluntarios que, segundo sinalou, “en municipios pequenos como este fan as veces de policías, de voluntarios de asistencia social e ata de Reis Magos apoiando o traballo de Cáritas”. “Estou seguro de que este novo coche vos axudará no voso traballo, que non é outro que velar pola seguridade e o benestar dos vosos veciños”, asegurou Calvo.
Ao acto de entrega, celebrado esta mañá na sede da agrupación en Robles, asistiron tamén o alcalde de Valdoviño, José Antonio Vigo Lago, e o deputado provincial por Narón, Miguel de Santiago.