Unha filloeira elabora o produto en directo durante todo o día para a súa degustación no mercado de Boanerges
A Asociación Cultural da Filloa e o mercado Boanerges organizan en colaboración co concello de Boqueixón a xornada A Filloa de Lestedo en Boanerges. Dende as 12:00 ata as 20:00 horas unha filloeira tradicional elaborou en directo este produto típico da gastronomía galega para a súa degustación por parte de todos os visitantes ao Mercado de Boanerges. Se ben, o prato forte estaba reservado para a hora da cea, cando os chefs Yayo Daporta e Roberto Filgueira entraron en acción para elaborar catro exclusivas tapas coa filloa como protagonista.
Yayo Daporta elaborou un novo concepto de taco de cocido galego cunha filloa, ofrecendo así unha versión moi galega dun produto típico da gastronomía mexicana. Por outra banda, quixo tamén dar presenza aos produtos de mar cunha filloa rechea de xurel a brasa con pan de millo.
As propostas de Roberto Filgueira tamén tiveron en conta os produtos do mar e da terra, así unha das súas tapas era unha filloa rechea de grelo e porco celta, e a outra unha filloa rechea de alga codium e polvo.
Pola súa parte, a filloeira que chegou ás 12:00 horas ao Mercado de Boanerges, dispuxo un total de 50 litros de preparado para elaborar preto de 2.000 filloas ao longo de toda a xornada.
Ao evento gastronómico asistiron o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canaval, o Delegado Territorial da Xunta para provincia de Coruña, Ovidio Rodeiro Tato e o xerente do Mercado de Boanerges, Manuel López. O rexedor destacou “a importancia deste tipo de eventos para dar a coñecer o potencial da filloa tradicional de Lestedo” e agradeceu a colaboración ao Mercado compostelán, pois “este tipo de sinerxias son moi beneficiosas para todas as partes”, e salientou “a boa disposición que en todo momento amosaron para desenvolver esta xornada de posta en valor da Filloa de Lestedo”.
“A filloa incítame tradición, é un prato tan simple como mesturar fariña e auga pero é un estandarte da tradición gastronómica de Galicia. E por iso dende o Mercado Boanerges sentímonos moi orgullosos de poder acoller a presentación da Filloa de Lestedo”, sinalou Manuel López.
Esta iniciativa de posta en valor da Filloa de Lestedo está cofinanciada polo GDR Terras de Compostela. O presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal Vázquez, agradeceu o apoio desta entidade para dar a coñecer a valía dos produtos tradicionais do municipio. A acción está encadrada dentro da Medida Leader Galicia 2014-2020-Submedida 19.4 Promoción Territorial, no proxecto Sabores do Territorio.