O anuncio da convocatoria de Eleccións ao Parlamento Galego para o domingo 5 de abril marca o inicio dun calendario de prazos moi axustados que arranca este mesmo luns coa exposición pública do censo electoral en todos os concellos de Galicia. Deste xeito, os e as votantes poderán consultar os seus datos de inscrición e, de ser o caso, presentar as correspondentes alegacións se hai algún que non sexa correcto. O censo estará exposto desde o 17 de febreiro até o 24 de febreiro, ambos días incluídos, e as consultas han de facerse nas oficinas municipais en horario de 8.30 a 14.30h. Porén, quen queira verificar os seus datos tamén ten a posibilidade de acceder á web do INE con certificado dixital. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, o censo de San Sadurniño a 1 de xaneiro de 2020 era de 2.474 persoas residentes e de 448 no listado de residentes ausentes.
O INE tamén ofrece na súa web a opción de consultar en que mesa teremos que votar -algo que cadaquén sabe xa de vello-, introducindo unicamente os datos da provincia, do municipio e a letra do primeiro apelido, aínda que o aplicativo só contempla polo momento a información dos comicios vascos, que se celebran o mesmo día que os galegos.
En calquera caso, quen non teña certificado dixital ou non se manexe demasiado ben cos formularios en internet deberá acudir ao Concello para facer a consulta e solicitar, se fose necesaria, a corrección dos seus datos de inscrición. A información pode obterse tamén no consulado correspondente -para quen estea fóra-, na Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral ou chamando ao teléfono 901.101.900.
Outro período importante que se debe ter en conta é o da solicitude do voto por correo, que se tramita do seguinte xeito no caso de persoas residentes en España:
O prazo de solicitude está aberto desde o 11 de febreiro ao 26 de marzo. A petición pode facerse mediante un impreso en calquera oficina de Correos ou ben xerar a solicitude na web do INE para despois imprimila e levala á oficina postal máis próxima. Unha vez alí é obrigatorio mostrar o DNI, o Permiso de conducir ou o Pasaporte para comprobar a identidade e a sinatura. Importante: non serven fotocopias nin resgardos, teñen que ser orixinais aínda que estean caducados. En caso de enfermidade ou incapacidade que impida a formulación persoal da solicitude do voto, a persoa interesada deberá acreditar estas circunstancias mediante certificación médica oficial que se incluirá xunto co impreso de solicitude de voto por correo. Esta solicitude pode ser efectuada en nome do elector por unha persoa autorizada notarialmente ou consularmente. Cada elector ou electora só pode estar representada por unha persoa autorizada e cada persoa autorizada só pode representar a un elector ou electora. Neste caso Correos recollerá a documentación presentada pola persoa representante para a súa remisión á Oficina do Censo Electoral.
Entre o 16 e o 29 de marzo, o elector ou electora recibirá na casa por correo certificado a documentación para votar. A entrega sempre se lle fará persoalmente, non pode recollela un familiar. Despois de dous intentos fallidos deixaráselle aviso para que a retire na oficina correspondente.
Até o 1 de abril poderase entregar o voto por correo en calquera oficina de Correos. Irá nun sobre pechado -facilitado xunto coa documentación- que conterá o certificado de inscrición no censo electoral e outro sobre coa papeleta. O envío é gratuíto.
Os tempos e os procedementos varían lixeiramente se se trata de persoas electoras que están temporalmente no estranxeiro:
O prazo de solicitude será do 11 de febreiro até o 7 de marzo. O formulario poderá recollerse nas oficinas consulares ou xerarse desde a web do Ministerio de Asuntos Exteriores. É obrigatorio que as persoas interesadas estean inscritas no Rexistro de Matrícula do Consulado como non residentes, un trámite que se pode facer no momento de recoller ou entregar a solicitude. Ata o 16 de marzo (ou ata o 24 se se impugnase algunha candidatura) haberá que achegar o formulario á mesma oficina consular ou ben á sección consular da embaixada correspondente, desde onde se remitirá á delegación provincial da oficina do Censo Electoral.
Será esta mesma delegación quen lle envíe ao solicitante no estranxeiro toda a documentación necesaria para que poida emitir o seu voto, que ha de mandarse por correo certificado e urxente directamente á mesa electoral que lle toque. O último día para facelo é o 1 de abril.
Outros prazos
Alén destes tempos que lle afectan á consulta do censo e ao voto por correo, hai outros marcados por lei. Ata o 21 de febreiro está aberto o prazo para rexistrar coalicións que queiran concorrer ás eleccións. Entre o 28 de febreiro e o 2 de marzo poderán presentarse candidaturas e o 9 de marzo proclamaranse as aspirantes. O Concello deberá efectuar entre o 6 e 10 de marzo o sorteo plenario da composición das mesas electorais. A campaña desenvolverase desde as 0.00h. do venres 20 de marzo e finalizará ás 24 horas do 3 de abril. O día en que poderemos votar será o domingo 5, Domingo de Ramos.