A maquinaria e mailo persoal de obra pública traballan a todo trapo durante estes días executando os proxectos adxudicados no último trimestre de ano pasado que o Concello financia con cargo ás liñas do POS provincial de 2019, principalmente con fondos provenientes do Plan Complementario. Todos eses proxectos refírense á reparación de pistas que, nalgúns casos, están xa rematadas. Unha das de maior lonxitude, a que vai desde Castrelo até A Veiga pasando por Cabanela -ademais dun pequeno tramo entre A Bañoca e o límite con Moeche-, finalizouse a semana pasada botándolle un novo pavimento aglomerado e esta mesma mañá estaban facéndose labores de pintado da sinalización horizontal. Tamén se traballa na substitución do firme na pista que sobe desde O Cando até O Castro, en Igrexafeita, e, á volta duns días, tamén se conta deixar listo o eixo Amido-O Hedreiro-A Chabola.
Alén destas, do paquete viario de 2019 tamén se van executar de forma inminente os tramos O Freixo-A Vila e A Longra-A Braña, en Naraío, adxudicados en 22.900 euros a Construcciones Saavedra y López. Esta é a última das obras de asfaltado que quedaban pendentes do ano pasado, cando se repararon con este tipo de tratamento os trazados de Sabanda á Pena, o de acceso ao Colado, o das Loibas ao Carbeiral, o do Albeiro, o camiño vello de Lourido, a conexión dos Cadavás coa estrada provincial en Ferreira, unha pista no Pico, outra desde Os Miguelares á Ermida e a que vai desde Piñeiros até o límite con Narón.
Unha parte delas acolléronse ao POS mentres que outras se sufragaron co Plan de camiños da AGADER. O investimento total -non o de licitación- aproximouse aos 110.000 euros cos que se amañaron arredor de 8,5 quilómetros de estradas.
Iso en canto a asfaltados, posto que se falamos de aglomerados -que ofrecen un firme máis regular, adherente e duradeiro- o investimento total sobrepasará os 262.000 euros e os 9 quilómetros de distancia, contando os proxectos finalizados e os que están estes días en marcha.
Os dous de maior envergadura son o que vai desde Castrelo á Veiga – 97.785€ e 3,2 quilómetros de distancia, incluíndo na medida o tramo desde A Bañoca ao límite con Moeche- e o que arranca en Amido e vai subindo polo Hedreiro e Caínce até A Chabola, de 2,6 quilómetros e un orzamento de 68.500 euros. O primeiro deles está rematado desde a semana pasada e hoxe á mañá andaban pintándolle a sinalización horizontal, mentres que para o segundo proxecto xa se fixo a limpeza preliminar da superficie e das cunetas co obxectivo de botarlle a nova capa de aglomerado nos próximos días. Entre hoxe e mañá tamén se conta finalizar a reparación con este material da pista desde O Cando ata O Castro, de 1,8 quilómetros de percorrido e un importe total de 44.800 euros.
Estas obras veñen sumarse aos 1,4 quilómetros que xa se repararan en novembro desde a Agra de Abaixo ata Vilafiúnce e desde Campolabrado até o Pico por un prezo conxunto de 51.000 euros.