A alcaldesa impartiu unha conferencia na Fundación Barrié na que falou dun modelo de cidade baseado na reactivación e no constante diálogo co resto da Corporación, con outras administracións e con todos os axentes sociais e veciñais
A alcaldesa, Inés Rey, deu esta tarde a conferencia “A Coruña: un proxecto para a cidade” no auditorio da sede da Fundación Barrié, nun acto organizado pola vocalía de Aula Aberta de ADAYEUS (Asociación de Alumnos e Exalumnos da Universidade Sénior). Ao evento tamén asistiron o presidente de ADAYEUS, Roberto Pérez Escutia, o vocal da Xunta Directiva, Antonio Lema, e a secretaria da Xunta Directiva, Marisa Mauriz.
A rexedora asegurou que “A Coruña segue dispoñendo dunha guía xa asentada para o seu desenvolvemento, como o proba o feito de que con esta cidade resulta imposible aplicar ese xogo simplificador de atribuírnos unha equivalencia con outra urbe de maior ou parecido rango” e insistiu na importancia de que “aquí hoxe baixemos con calma á realidade e nos centremos nos proxectos ou, se queren, no modelo de cidade. Porque A Coruña teno”.
Rey afirmou que agora “é o momento da reactivación para a cidade. Nela traballamos, en constante diálogo co resto da Corporación, con outras administracións, con todos os axentes sociais e veciñais, abertos sempre a escoitar, no día a día, como corresponde á condición municipal, a máis próxima á cidadanía. E estamos a recuperar o modelo propio coruñés. Ambicioso e á vez próximo. Por suposto, adaptado á era na que vivimos. Sen durmirnos mirándonos o embigo ou esperando por outros. Estamos a recuperar a iniciativa,
en sintonía con outros actores de primeiro nivel, por exemplo un do que somos copartícipes a gran maioría dos que aquí estamos esta tarde: a Universidade da Coruña. A pesar de obstáculos, mesmo de recortes, a UDC é unha institución modélica e que simboliza á perfección o empuxe sen desalento e visión cosmopolita que define á nosa cidade”.
Respecto ao modelo de cidade que explicou a alcaldesa, asegurou que está “sempre pensado desde o diálogo e escoitando á cidadanía pero tamén sempre asumindo as nosas responsabilidades como goberno. Estamos a recuperar a ilusión. E dando pasos adiante, grazas a este modelo de cidade que protexe á cidadanía mediante a creación de prosperidade”.