O alcalde Manuel Mirás considera que é “un orzamento realista, que contén o gasto, conxela as taxas e contempla os investimentos que solicitan os veciños e veciñas de Oroso”
O pleno municipal aprobou esta mañá os orzamentos do Concello de Oroso para 2015, que ascenden a 5.221.730,16 euros (un 0,73% máis que en 2014), destinan 1.220.238 euros a investimentos reais e contemplan unha redución da débeda de doce puntos porcentuais. “Un orzamento realista, que contén o gasto, conxela as taxas e impostos, e contempla os investimentos que solicitan os veciños e veciñas de Oroso”, explicou o alcalde orosán, Manuel Mirás. Uns orzamentos que foron aprobados cos sete votos a favor do Grupo de Goberno e cos seis votos en contra dos grupos da oposición.
Manuel Mirás destacou especialmente a boa saúde económica da que goza o Concello de Oroso, froito dunha boa xestión económica que foi quen de eliminar o gasto superfluo e apostar polos investimentos produtivos e sociais. Boa proba da sostenibilidade económica do Concello de Oroso é que o total dos ingresos correntes orzamentados para 2015 é de 4.154.622,99 euros, fronte a un total de gastos correntes de 3.734.701,03 euros. “Estamos falando dunha diferenza de case 420.000 euros. Os gastos representan un 47% e os ingresos un 53%, hai seis puntos de diferenza que demostran a boa xestión económica que fixo este equipo de Goberno”, concluíu Mirás Franqueira. Así mesmo, contémplase unha redución da débeda de doce puntos, polo que o Concello de Oroso pasará do 36% ao 24% ao rematar 2015.
Orzamentos con fondos propios
A boa saúde económica tamén se traslada á partida de investimentos reais, que ascende a 1,22 millóns de euros e dos que case o 50% serán financiados con cargo ao fondos propios do Concello de Oroso. “A gran maioría dos Concellos destinan o 40 ou o 60% do POS a gasto corrente. En Oroso levamos toda a lexislatura investindo o 100% en obras para os nosos veciños”, lembrou Manuel Mirás, quen salientou que “a nosa boa saúde económica permítenos achegar máis de 600.000 euros de fondos propios para a execución dos proxectos que nos solicitaron os veciños e veciñas de Oroso. É dicir, case a metade do investimento de 2015 será financiado con fondos propios, algo que non creo que poidan dicir moitos Concellos”.
Estes fondos propios mobilizados polo Concello de Oroso permitirán a realización de obras importantes como o punto de reciclaxe “Oroso verde” (102.000 euros), a construción das beirarrúas na N-550 para o acceso ao novo colexio (60.000 euros) ou o centro cívico da parroquia de Oroso (100.000 euros). Así mesmo, os orzamentos de 2015 recollen tamén pequenas obras solicitadas pola veciñanza orosá nos distintos Encontros co Alcalde celebrados ao longo do 2014 como son o acondicionamento dun espazo público na fonte e lavadoiro do Piñeirón (Gándara), a mellora dos accesos ao Refuxio, a colocación dun valado para a práctica do hóckey no polideportivo municipal, a reforma dos vestiarios do polideportivo Juanito Amigo ou o abastecemento de auga dende Cachopal a Igrexa (Calvente).
Por iso, fronte as acusacións de ser unhas contas continuistas, Mirás Franqueira asegurou que “son realistas e comprometidos cos veciños, xa que foron uns orzamentos participativos porque inclúen moitos dos proxectos que nos pediron directamente os veciños”. Ademais das achegas municipais, os orzamentos de 2015 contemplan 446.079 euros de achegas da Deputación da Coruña e outros 125.170 euros da Xunta de Galicia.
Os orzamentos de 2015 inclúen 255.349 euros destinados ao Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS 2015) que inclúen a urbanización do vial de acceso á nova gardería de Sigüeiro, dende a estrada provincial CP-3801 (106.042,85 euros, dos que o Concello de Oroso achegará 12.961,41 euros de fondos propios); a mellora da rede viaria nos lugares de Burgao-Piñeiro, Castro-A Costa e A Costa (Trasmonte) e nos lugares de A Pena, Alto de Vilanova-Vilacide de Arriba e en Vilacide de Abaixo (Oroso), cun investimento de 73.954,51 euros; e outros 30.000 euros para a primeira fase da instalación de saneamento no lugar de O Barreiro (Sigüeiro).
Voto en contra
Os tres grupos da oposición votaron en contra dos orzamentos de 2015. BNG e PP coincidiron en calificalos como “continuístas”. O voceiro municipal do BNG, Xosé Pérez, lamentou que “non se contara coa participación da oposición”, mentres que o concelleiro do PP Telmo Rodríguez afirmou que “debería haber un plan de dinamización local e se necesita máis gasto social”. Pola súa banda, o voceiro municipal do Partido Galeguista, Siverio Mirás, queixouse do pouco tempo dispoñible para analizar a documentación.
Fronte a estas críticas, o alcalde orosán admitiu que “non son uns orzamentos expansionistas, pero si é realista” e sobre ás críticas sobre o gasto social indicou que “que o gasto social do Concello de Oroso é elevado é algo que está recoñecido por todos e ninguén pode dicir o contrario”, polo que indicou ao PP que se fixen tamén nas achegas do Concello á Mancomunidade de Ordes.
PXOM
Por outra banda, o pleno municipal aprobou unha modificación puntual da relación de postos de traballo do Concello de Oroso e unha modificación do Regulamento de réxime interno da escola infantil “A Ulloa”, que saíu por unanimidade. Máis debate houbo na aprobación provisional da modificación puntual nº 5 do PXOM de Oroso, preciso para a construción do enlace sur da AP-9. A modificación saíu adiante cos votos a favor de PSOE e BNG e pese aos votos en contra de PP e PG.
O pleno aprobou provisionalmente a modificación puntual número 5 do PXOM do Concello de Oroso, logo de incluír as modificacións derivadas dos informes da Dirección Xeral de Carreteras do Ministerio de Fomento, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Dirección Xeral de Aviación Civil, así como unha alegación presentada polo Partido Galeguista para que se incluíra un informe do Ministerio de Fomento. Así mesmo, rexeitáronse as alegacións do PG sobre a delimitación do núcleo rural do Alto de Vilanova porque “responde a criterios de clasificación de núcleo rural expostos na Memoria do Documento os cales, á súa vez, responden ao artigo 13 da Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia”, segundo explicou o Secretario Municipal no informe elevado hoxe ao pleno.
Tras a resposta de varias preguntas en pleno, o voceiro municipal do BNG cambiou a súa postura inicial de abstención a voto a favor, destacando que “voto a favor para que se vexa que dende o BNG mala fe: cero”. Pola súa banda, Partido Popular e Partido Galeguista mantiveron o voto en contra que xa manifestaran na aprobación inicial, feita en xuño de 2013, alegando que non estaban de acordo coa alteración da cualificación do chan no Alto de Vilanova. Se en 2013 o PP alegara que esperarían ás alegacións veciñais e a ver se se tiñan en conta as consideracións feitas pola Xunta, esta mañá xustificaron a súa oposición en que “o interese de sete familias non pode estar por riba do resto”, explicou Xosé Manuel Balado, “se hai que tirar as construccións, haberá que tiralas”. Unha posición semellante á mantida polo voceiro do PG, quen considerou que “non é preciso modificar a clasificación urbanística dos terreos colindantes” para facer o acceso á AP-9 e asegurou que “isto non responde ao interese público senón a intentar legalizar unha situación”.
Actuar con mala fe
O alcalde Manuel Mirás amosouse moi crítico cos voceiros de PP e PG, aos que acusou de “actuar con mala fe” para dificultar a construción do enlace sur da AP-9. “Hoxe estamos aprobando unha modificación puntual do PXOM que vén dada polo acordo co Ministerio de Fomento para a construción do enlace sur da AP-9. O informe da Secretaría é favorable. Isto xa foi á Xunta e non fixeron ningunha modificación. Estivo a exposición pública e só alegou o señor Siverio. Vostedes están actuando de mala fe”. O alcalde orosán insistiu en que “hoxe non estamos legalizando nada, estamos aprobando a modificación dun plan” e lembrou que a zona si que está afectada polas obras do enlace pois “diante das casas hai que facer unha rotonda e ampliar un carril a estrada N-550”.