O Concello de Lousame conmemorará o Día de Rosalía cun obradoiro artístico “Rosalía, todos por igual”, dirixido a nenos e nenas a partir dos 5 anos e que estará centrado no personaxe da poetisa galega e o seu libro “Cantares Gallegos”. O taller terá lugar o vindeiro domingo 16 de febreiro, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Lousame.
O obradoiro, de 90 minutos de duración, será impartido por Marcos Acuña, de Truque Matruqe-Contos cantados, e Esteban Acuña, de Tarabelos. Títeres e contacontos. O primeiro encargarase da música e da guitarra, mentres que o segundo ocuparase da narración e das ilustracións.
A rapazada de Lousame cantará os cantares de Rosalía e xogará con eles, contando un dos seus contos e facendo unha “rosaliada”: un gran cadro conxunto no que incluirán unha mensaxe de igualdade, empregando a arte como fixo Rosalía, sempre disconforme coas desigualdade de xénero, idioma, clases sociais…
O espectáculo está organizado polo Concello de Lousame, que conta coa colaboración do programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia e do Pacto do Estado contra a violencia de xénero.