Pablo Lago explica que se trata “dun tramo de apenas 100 metros pero tamén dunha obra moi reclamada polos pais e nais de Brión”
O Concello de Brión vén de construír un tramo de pouco máis de 100 metros de beirarrúas no Paseo de Pedrouzos, diante do IES Brión e do CEIP de Pedrouzos. Unha obra acometida pola brigada municipal de obras e que estará rematada esta mesma semana.
Pablo Lago, primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, explica que se trata “dun tramo pequeno, de apenas cen metros de lonxitude, pero tamén dunha obra moi reclamada nos últimos anos polos pais e nais de Brión, ao estar situada en fronte do instituto e do colexio”. Neste sentido, compre lembrar que este tramo do Paseo de Pedrouzos quedou sen beirarrúas debido á negativa do propietario dos terreos a ceder os terreos e á imposibilidade de que o Concello puidera recorrer á súa expropiación, xa que a seguridade viaria estaba garantida ao existir outro tramo de beirarrúas do outro lado da calzada.
A finais de 2019, a devandita parcela cambiou de persoa propietaria, polo que o Concello de Brión contactou con ela, recibindo nesta ocasión a autorización precisa. “Tan pronto tivemos as autorizacións precisas, demos cumprimento ao compromiso adquirido polo alcalde nunha recente sesión plenaria e acometemos esta pequena obra que mellorará a contorna do Paseo de Pedrouzos e aumentará a seguridade viaria dos peóns, sobre todo dos nenos e nenas que estudan no instituto e no colexio”.