Aproveitarase o período non lectivo de Nadal para non interferir no desenvolvemento normal da actividade académica
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Xefatura Territorial, iniciou esta semana diversos traballos de mellora no colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Virxe do Portal, no concello de Sobrado dos Monxes. A este proxecto, o departamento autonómico destinará unha achega de 12.000 euros.
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, que visitou esta mañá o centro acompañada polo alcalde, Jacobo Fernández, explicou que se aproveitará o período non lectivo de Nadal para levar a cabo estas obras, co fin de non interferir no desenvolvemento normal da actividade académica. A actuación, que estará rematada para o inicio das clases, consistirá na renovación da fontanería do edificio, así como do pavimento da entrada e dos alicatados.
Do Campo aproveitou a súa visita a este CEIP para agradecerlle ao goberno local deste municipio a cooperación e o traballo realizado desde o concello para sacar adiante este proxecto, así como á comunidade educativa, “que en todo momento se mostrou disposta a colaborar”. Con este tipo de actuacións, indicou a representante do Goberno galego na provincia, a Xunta “está a dar resposta ás necesidades educativas detectadas nos municipios da provincia, cumprindo o compromiso adquirido cos traballadores e coas AMPAS dos centros, cos que se consensuaron estas medidas”. Na mesma liña, subliñou que “a Xunta seguirá a traballar para avanzar na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos”.