Friday 22 de November de 2024

A Deputación acometerá a mellora integral da seguridade da estrada DP 9203 de Caxadas a Baíñas, en Vimianzo


A redacción do proxecto técnico adxudicarase este mes e contemplará a construción dunha senda peonil de dous quilómetros entre Caxadas e Castrelo e a eliminación do “punto negro” das curvas de Padreiro

A Deputación da Coruña adxudicará nas vindeiras semanas a redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP 9203 de Caxadas a Baíñas.

Así o confirmou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, durante a visita oficial que hoxe realizou ao Concello de Vimianzo, na que estivo acompañado pola alcaldesa, Mónica Rodríguez, os membros do goberno municipal e o deputado responsable da área de Vías e Obras, José Manuel Pequeño.

González Formoso e Pequeño Castro visitaron durante a xornada de hoxe a estrada DP 9203 ao seu paso polo núcleo de Castrelo, onde a alcaldesa lles explicou in situ os problemas de seguridade que afectan á veciñanza nunha zona con numerosas vivendas lindeiras que carece de beirarrúas e conta cun trazado perigoso de curvas á altura do quilómetro 4+500.

O presidente afirmou que o goberno provincial adxudicará en poucas semanas a redacción do proxecto técnico que permita solucionar estes problemas de seguridade, dotando ao vial dunha senda peonil nos dous quilómetros que separan os núcleos de Caxadas e Castrelo, así como ampliando a plataforma e modificando o trazado actual no tramo das curvas de Padreiro, onde se rexistra unha elevada sinistralidade.

Os técnicos avaliarán tamén a posibilidade de ampliar ou substituír a ponte existente no entorno ao PK 1+580, co obxecto de deixar ao longo da maior parte do vial unha plataforma de 7 metros de calzada e sendas de 1,80 metros para a circulación de peóns.

Formoso subliñou que se trata dunha “actuación ambiciosa” para mellorar a seguridade nunha estrada de máis de 4,5 quilómetros, polo que é posible que as obras teñan que executarse por fases, pero explicitou o compromiso da Deputación para “facer realidade” esta demanda do goberno municipal de Mónica Rodríguez durante o vixente mandato.

6,6 millóns para mellorar servizos e infraestruturas

Na recepción que tivo lugar na Casa do Concello, Valentín González Formoso destacou “o compromiso da Deputación con Vimianzo”, cun investimento de máis de 6,6 millóns nos últimos catro anos, destinado a mellorar as infraestruturas e servizos municipais. “Unha cifra histórica na que a creación o Plan Único (POS+) tivo moito que ver, pois a maior parte das achegas articuláronse a través deste plan de cooperación municipal, que permite que sexan os propios concellos os que decidan onde queren investir os fondos provinciais”, afirmou o presidente.

Grazas ao Plan Único, nos últimos tres anos Vimianzo acometeu numerosas obras de urbanización, humanización e acondicionamento de núcleos rurais, construción de redes de saneamento e abastecemento de auga ou parques infantís, ademais de financiar servizos básicos e amortizar parte da débeda municipal.

Con cargo ao POS+2020, cunha achega inicial de 729.073,57 euros, Vimianzo
financiará este ano obras como a rehabilitación das rúas do núcleo rural de Bribes (81.886,30 €), a dotación de rede de abastecemento de auga potable aos núcleos de Piñeiros, Paizás e Castiñeiras (151.911 €), a construción dunha explanada diante do colexio de Baíñas (60.019 €) , a pavimetación da praza de Cereixo (127.961) ou a mellora do acceso ao Sisto.

Recuperar o esplendor do Castelo

González Formoso anunciou tamén que, tras varias reunións dos técnicos provinciais co goberno municipal que dirixe Mónica Rodríguez, o servizo de Arquitectura e Mantemento da Deputación ultima o proxecto para acometer diversas obras de rehabiltación e mantemento do Castelo de Vimianzo, renovando a súa instalación eléctrica e dotándoo de novos sistemas de son e alumeado LED que “axuden a resaltar e recuperar o esplendor dun monumento que é o emblema e a imaxe de Vimianzo en toda Galicia”.

Formoso lembrou que de trata dun monumento declarado Ben de Interese Cultural (BIC) polo que a Deputación “traballa man a man con Patrimonio” no proxecto.

Aposta polo emprego e o rural

Durante a xornada de hoxe, o presidente da Deputación e a alcaldesa visitaron tamén tres empresas locais de diferentes sectores: Agrosoneira, dedicada á produción de pensos e produtos para o campo e a gandería; a carpintería metálica Gerca e Cárnicos Domínguez, dedicada á comercialización de produtos de carnicería.

González Formoso agradeceu aos empresarios a visita ás súas instalacións, destacou “a vida económica e o potencial empresarial” de Vimianzo e incidiu na importancia de xerar actividade económica e emprego para axudar a fixar poboación nos municipios rurais da provincia.

Neste sentido, destacou que Vimianzo destaca polo elevado número de solicitudes presentadas ás axudas do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, que dende a súa creación hai tres anos permitiu a 35 persoas incorporarse ao mercado laboral, ademais de ofrecer apoio económico a 33 pequenas empresas, autónomos e emprendedores locais a través do programa PEL-Emprende, cun investimento 439.528 euros.

O presidente destacou que durante o actual mandato, a creación de emprego e o impulso ao mundo rural seguirán sendo os eixes estratéxicos da acción do goberno provincial que preside.