O ano pasado, 75 dos 93 concellos coruñeses contaron cun técnico de Deportes grazas ao apoio económico do ente provincial
A Deputación da Coruña apoia, un ano máis, a contratación de técnicos deportivos nos concellos da provincia. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a convocatoria oficial deste programa, que en 2020 está dotado cun orzamento de 1.015.000 euros. Os concellos poderán tramitar as súas solicitudes dende mañá até o vindeiro 28 de febreiro.
A deputada responsable da área de Deportes, Cristina Capelán, destacou que o programa “contribúe a xeración de emprego, pois permitiu durante 2019 contratación de 75 técnicos deportivos nos concellos durante un período de un ano” e, ao mesmo tempo, serve para que os municipios coruñeses “podan desenvolver programacións deportivas de carácter profesional e estable e fomentar o deporte e a actividade física entre a poboación, especialmente nenos e maiores”, apuntou.
A Deputación financiará ata o 80% dos custes salariais (soldo e Seguridade Social) do persoal técnico deportivo contratado durante un ano, cunha achega máxima de 15.000 euros ao ano para aqueles municipios que opten pola contratación dun graduado universitario en Ciencias da Actividade Física e o Deporte que traballe a xornada completa. Os concellos poderán contratar tamén técnicos superiores de FP en Animación de Actividades Físicas e Deportivas e facelo a xornada completa ou media xornada, aboando sempre o 20% restante do salario.