Feijóo resalta que 1 de cada 10 explotacións en Galicia está dirixida xa por mozos menores de 30 anos
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou hoxe ás instalacións da granxa SAT Busto Corzón, en Mazaricos, onde nun momento no que se están a vivir tensións no sector primario en España, aseverou que Galicia defenderá ante o Goberno central a ampliación do catálogo de condutas desleais para evitar a venda a perda no sector.
Nese sentido, Feijóo avanzou que a Consellería do Medio Rural pedirá, na xuntanza co Ministerio, o vindeiro mércores a transposición da directiva europea para modificar a lei estatal de competencia desleal e a lei de defensa da competencia.
Logo de afirmar que Galicia seguirá defendendo a máxima transparencia e equilibro nos prezos, o titular do Executivo autonómico fixo un chamamento ao Goberno central para que se involucre na procura de solucións, para que o prezo en orixe sexa proporcional ao prezo en destino.
Pola súa banda, o presidente da Xunta fixo fincapé no compromiso do Goberno galego coa mellora das explotacións e co impulso da transformación e comercialización dos produtos agrarios. Todo iso, para achegar máis valor engadido ao campo, como se pon de manifesto a través de proxectos industriais como Entrepinares en Vilaba, Inleit en Curtis ou Larsa en Outeiro de Rei, que se beneficiaron dos apoios da Administración autonómica, que destinou a estes proxectos un total de 13 millóns de euros.
Así mesmo, recordou, que en 2019 arredor de 1.000 agricultores e gandeiros beneficiáronse de máis de 40 millóns das axudas para a impulsar a remuda xeracional e o desenvolvemento de pequenas explotacións. Non en van, 1 de cada 10 explotacións en Galicia está dirixida xa por mozos menores de 30 anos.
“E a semana pasada publicouse xa a convocatoria deste ano 2020, que conta cunha achega de 41 millóns de euros”, engadiu, destacando tamén a convocatoria de axudas para a transformación e comercialización. Ademais de avanzar que os concellos galegos poderán beneficiarse de axudas para a realización de poxas de gando bovino selecto que se convocará este mesmo mes.
Posta en valor da terra e priorizar a xestión do xurro
Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo galego referiuse tamén a necesaria posta en valor da terra, cunha futura lei para recuperar os terreos infrautilizados ou abandonados e impulsar o seu aproveitamento. Esta normativa conterá diversos instrumentos voluntarios como os bancos de explotacións, aldeas modelo ou polígonos agroforestais ou as permutas de especial interese agrario.
Nesta mesma liña, e co obxectivo de acadar unha actividade máis sustentable, Feijóo aseverou que Galicia contará cunha ordenación legal da produción, recollida, transporte, almacenamento e xestión do xurro e do esterco das explotacións, a través dunha lei que xa se atopa en exposición pública, e que permitirá establecer un sistema integrado de xestión que garanta a trazabilidade e o tratamento final.
“O obxectivo é primar o tratamento dos residuos, de forma que o respecto medioambiental non supoña un custo para os produtores, senón que se poida establecer unha prima por metro cúbico de xurro, para compensar os gastos derivados da súa recollida, transporte e tratamento”, explicou.
Seguir afondando na cadea do valor do leite
Logo de anunciar que o Consello terá lugar, esta semana, no Centro de formación e experimentación agroforestal de Sergude, en Boqueixón, Feijóo referiuse tamén á dinamización do sector lácteo, confirmando que a Xunta xa está a traballar nunha estratexia co sector para, con todos os elos da cadea e especialistas elaborar un paquete de medidas para seguir afondando na cadea de valor do leite.
“E estámolo a facer a través de diferentes mesas sectoriais, para coñecer as inquedanzas e recoller as achegas dos axentes do sector”, explicou, insistindo na necesidade dun acordo global que conte con todos para definir estratexias en torno a calidade, a mellora da xestión empresarial e dos prezos ou o reforzo e orientación ao cooperativismo.
Feijóo lembrou que Galicia é a oitava rexión europea en produción de leite de Europa e segue a ser líder nacional tanto en número de gandeiros como en produción: co 40% do leite de España e con máis da metade das explotacións lácteas do total nacional. Así, os máis de 7.000 gandeiros galegos facturaron en 2019 máis de 880 millóns de euros; e, 2019 pechou cun incremento da produción de 1,8% respecto a 2018, ata chegar case ás 2,8 millóns de toneladas de leite entre xaneiro e decembro.
Para seguir mantendo esta posición de liderado e de estabilidade, afirmou que a Xunta seguirá comprometida coa calidade para non só producir máis senón producir mellor. Ao respecto, referiuse á marca Galega 100%, a única identificación que avala o leite galego de calidade diferenciada e que cumpre coa demanda do sector, ao permitir ofrecer un produto de máxima calidade, suxeito aos controis dos servizos veterinarios da Xunta e garantido pola certificación de calidade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite –LIGAL-.
“Seguiremos impulsando a marca Galega 100%, como unha identificación fácil e sinxela e que nos permita situar a nosa excelente produción agrogandeira a nivel nacional e internacional”, concluíu, destacando o leite como un importante estandarte da Galicia Calidade.