Dos equipos inscritos nas categorías de Secundaria e Bacharelato, seis son de centros da Coruña, tres de Santiago, un de Bergondo e outro de Camariñas
A Xunta de Galicia comeza a vindeira semana a undécima edición da competición de debate Parlamento Xove coa fase de formación dos equipos inscritos nas tres categorías que ten este programa impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado: Secundaria, Bacharelato e Universidades. Un total de once equipos de centros da provincia da Coruña están anotados neste certame.
Estes equipos poderán participar nas dúas sesións formativas de carácter voluntario que terán lugar este mes de febreiro e que son previas á fase clasificatoria. A primeira delas terá lugar o vindeiro martes, día 11, no Centro Quérote da Coruña en horario de 18 a 20 horas. A segunda sesión será, co mesmo horario, o mércores 19, no Edificio Administrativo San Lázaro en Santiago.
Tamén se coñecen xa as datas, lugar e tema dos debates da fase clasificatoria para as categorías de Secundaria e Bacharelato: os días 6 e 7 de marzo, no caso da primeira, e os días 13 e 14 do mesmo mes, para a segunda. O sitio escollido é o Centro Residencial Docente A Coruña en Culleredo e o asunto sobre o que os equipos confrontaran as súas opinións é ‘¿Deberían incrementarse as sancións para as persoas e empresas que non respecten o medio ambiente?’
Nesta quenda de clasificación daranse cita 56 equipos de toda Galicia: 24 na categoría de Secundaria procedentes de 19 centros educativos, outros 24 na de Bacharelato procedentes de 18 centros e 8 na categoría de Universidades. Cada un deles estará formado por unha persoa docente, que exercerá de coordinador do grupo, e por catro estudantes.
En concreto da provincia da Coruña están anotados once equipos. Destes, seis o están na categoría de Secundaria e proceden do Colexio La Salle (Santiago), CPR Maristas Cristo Rei (A Coruña), dous equipos do CPR Plurilingüe Liceo La Paz (A Coruña), IES Pedra da Aguia (Camariñas) e CPI de Cruz do Sar (Bergondo). E outros cinco competirán na categoría de Bacharelato: dous equipos do Colexio La Salle (Santiago), CPR Maristas Cristo Rei (A Coruña), IES Salvador de Madariaga (A Coruña) e CPR Plurilingüe Liceo La Paz (A Coruña).
Nestas dúas categorías de Secundaria e Bacharelato a competición de Parlamento Xove realízase en dúas fases. Unha primeira clasificatoria da que xurdirán oito equipos gañadores e que se enfrontarán nunha segunda fase final, aínda por determinar data e lugar de celebración. De maneira paralela, desenvolverase un concurso voluntario de artigos de investigación sobre o tema formulado. En canto aos premios, os equipos gañadores destas dúas categorías obterán unha viaxe valorada en 5.000 euros. Así mesmo, contarán cunha mención especial e cun agasallo os mellores oradores e os mellores artigos de investigación en cada unha das dúas categorías.
Universidades
Na categoría universitaria cada una dos oito equipos participantes estará formado por un mínimo de dous estudantes e un máximo de catro. A día de hoxe hai seis equipos do campus de Santiago e un do campus de Vigo. A competición dividirase tamén en dúas fases: unha primeira fase clasificatoria e outra final de eliminatoria directa. Neste caso, as dúas fases coincidirán co desenvolvemento da fase final das categorías de Secundaria e Bacharelato.
Os premios para o equipo gañador desta categoría será unha viaxe valorada en 2.500 euros. Ademais, dunha mención especial e un agasallo para os mellores oradores e os mellores artigos de investigación.