Friday 22 de November de 2024

Naturgy retira as antenas de media tensión do Castro de Elviña


 

A falta de que as persoas operarias da compañía extraian as tres últimas a semana que vén, a paisaxe quedará limpa de cables para unha mellor posta en valor do xacemento arqueolóxico

As persoas operarias da compañía eléctrica Naturgy traballan estes días na retirada das cinco antenas de media tensión do Castro de Elviña, logo de que Patrimonio dese a autorización para sacalas ao entender que estraga a estética dun dos xacementos arqueolóxicos máis importantes do país. Dous elementos están xa fóra do perímetro e a semana que vén contan con extraer os tres que faltan, segundo explica o arqueólogo municipal, Marco Antonio Rivas, que engade que desde a Consellería de Cultura estableceron unha serie de medidas cautelares na operación para evitar que se produzan danos nos restos, como a supervisión dunha persoa profesional e a instalación de elementos protectores na zona reservada para depositar as antenas.

Nese apartado preparado con rodas, córtanas en anacos dun metro, metro e medio e súbenas a un chimpín de tamaño medio, de xeito que a carga sexa lixeira nese traxecto pola fortaleza até a entrada onde está aparcado un vehículo para máis tonelaxe. Rivas lembra que en 2015 xa se retirou unha antena de alta tensión e que unha vez que se leven estas tres últimas, a construción quedará limpa de cables.