Numerosos veciños e veciñas acudiron ás instalacións da Sociedad Hijos de Palmeira con motivo da presentación da reedición facsimilar do libriño pedagóxico “La Perla Agrícola”, publicado no ano 1885 por quen fora mestre da escola pública desta localidade, Ignacio Martínez Malvido.
O alcalde Manuel Ruiz, a concelleira de Cultura María Sampedro; Noelia Rebollido como directora do CEIP de Palmeira; Emilio Pérez como presidente da Sociedad Hijos de Palmeira; e Francisco Antonio Vidal en representación da asociación Barbantia, que colabora nesta reedición, efectuaron as intervencións ante un público nutrido que contou coa presenza de diferentes concelleiros da Corporación e incluso unha bisneta do profesor Ignacio Martínez, do que no 2020 se cumpren 90 anos do seu pasamento.
Ruiz Rivas significou este tipo de accións para conservar a memoria dos pobos e lembrou outras recentes recuperacións de obras hoxe practicamente imposibles de atopar, como foi o caso “Pandemonium”, de Manuel Lustres Rivas, ou como será no futuro o dos escritos do riveirense Agustín Fernández Oujo.
Francisco Antonio Vidal destacou a faceta do profesor de Ignacio Martínez Malvido como cronista de Palmeira na súa época e colaborador xornalístico. Como exemplo disto último, no volume tamén se recolle un artigo que en outubro de 1882 dirixiu ao periódico entón acabado de nacer La Voz de Galicia.
Cada asistente recibiu un exemplar do libriño, de pouco máis de sesenta páxinas.