O delegado territorial destacou que estas achegas poden destinarse a servizos e investimentos dos traballadores por conta propia que conten cunha antigüidade superior aos 42 meses
O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, informou da resolución do Bono Autónomo na área da Coruña. Concretamente, nesta comarca recibiron estas axudas, no 2019, 121 persoas e as achegas totais foron de máis de 265.000 euros para traballadores por conta propia dos concellos de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, A Coruña, Culleredo, Curtis, Miño, Oleiros, Sada e Sobrado.
Ovidio Rodeiro destacou en relación coa convocatoria de axudas do Bono Autónomo, que “son partidas de ata 3000 euros para apoiar servizos e investimentos encamiñados á mellora da competitividade empresarial ou profesional dos traballadores por conta propia que conten cunha antigüidade superior aos 42 meses”.
A actuación contou con dúas liñas de axudas para mellorar a competitividade dos autónomos. Apoiarase, dunha banda, o desenvolvemento de servizos destinados á investigación de mercado e plans de marketing, comunicación, estratexia, crecemento, comunicación, refinanceamento ou reorientación do negocio, así como os dirixidos ao uso das novas tecnoloxías. Tamén se aprobaron axudas para outros estudos ou plans que teñan como fin incrementar a competitividade da actividade empresarial.
Financiáronse, doutro lado, investimentos relacionados coa compra de maquinaria, ferramentas, equipos informáticos ou rótulos; coa reforma do local; a posta en marcha de aplicacións informáticas e páxinas web ou a creación de logotipos do negocio.