Friday 22 de November de 2024

Rey participa nunha pasarela “sustentable” do alumnado do Colexio Salesiano


 

As e os estudantes de 3º da ESO organizaron esta tarde un desfile no que amosaron as creacións que deseñaron con plásticos para concienciar da importancia de reciclar e reducir a presenza deste elemento

A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, asistiron esta tarde ao desfile de moda sustentable organizado polo departamento de Ciencias de ESO-BTO do Colexio Salesiano San Juan Bosco, unha iniciativa que naceu na clase de tecnoloxía de 3º da ESO dentro do tema “Plásticos e outros materiais”. As alumnas e os alumnos reflexionaron na aula sobre a presenza masiva deste elemento nos quefaceres diarios e indagaron como se producen e a utilidade que se lles confire na industria e nas empresas, ademais de aprenderen a manipulalos. Logo desta posta en común, propuxeron como práctica de deseño a elaboración de roupa e complementos con materiais plásticos e reciclados que doutro xeito acabarían nos contedores do lixo. O resultado foi unha pasarela no centro en que as e os modelos amosaron creacións realizadas con plásticos procedentes de tetrabricks e envases co fin de concienciar e sensibilizar a veciñanza da importancia de reducir a presenza deste material tan contaminante e de reciclar o que xa está en circulación.