Friday 22 de November de 2024

Rey: “A sinatura do convenio é un paso decisivo para poñer en marcha a Fábrica das TIC”


 

A alcaldesa asegura que, tras o desaloxamento, a cesión do Ministerio de Defensa dos terreos á Universidade supón “unha nova esperada pola cidade” de cara a iniciar este proxecto, en que o concello colaborará en todo o que sexa posible

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, mostrou a súa satisfacción polo anuncio por parte do Ministerio de Defensa da execución do desaloxamento forzoso da concesionaria da Fábrica de Armas para proceder a asinar proximamente coa Universidade a cesión dos terreos, propiedade do Estado, á institución, “unha nova esperada pola cidade porque supón o comezo do proxecto da Cidade das TIC”, en que o concello está disposto a colaborar.

A rexedora sinalou que “a sinatura do convenio é un paso decisivo para poñer en marcha a Fábrica das TIC”. Insistiu en que a iniciativa creará centos de postos de traballos na Coruña e apostará por sectores estratéxicos para impulsar a súa economía. Para Rey, coa materialización da fábrica, que dará acubillo ao coñecemento e ás firmas e centros tecnolóxicos especializados, estanse sentando as bases dunha cidade de futuro. A próxima sinatura foi anunciada hoxe polo reitor, Julio Abalde, na comisión municipal sobre a Cidade das TIC, que tivo lugar no Pazo Municipal de María Pita.