Arredor de medio cento de persoas concentráronse esta tarde diante da Casa da Cultura de San Sadurniño para demandaren, de novo, a restitución do servizo de pediatría tanto en San Sadurniño -onde está centralizada a atención para Moeche, Cerdido e As Somozas- coma noutros municipios da comarca.
A atención infantil préstase desde hai máis dun ano con tres médicos procedentes de Ferrol e Narón que complementan a súa xornada de tarde rotando polas mañás tres veces por semana en San Sadurniño. A ausencia de pediatra titular tamén supuxo a supresión das visitas itinerantes aos centros de saúde dos outros tres municipios.
A esta situación sumóuselle hai uns días a baixa laboral da matrona, de maneira que, alomenos polo momento, as futuras nais son derivadas ao servizo de Neda ou Narón, aínda que as citas deben continuar solicitándose en San Sadurniño.
A concentración rematou cun berro claro e conciso: “Queremos pediatra xa!”.