Friday 22 de November de 2024

O concello adxudica o contrato para a recollida e transporte do lixo por 11.594.877 €


 

O novo contrato ten como condicións a mellora na recollida de residuos procedentes da poda e no servizo de compostaxe individual e comunitario, así coma o desenvolvemento dun proxecto piloto para un novo modelo de recollida selectiva de materia orgánica

A Xunta de Goberno Local convocada para hoxe con carácter urxente e extraordinario aprobou a adxudicación do lote para a recollida e transporte de residuos urbanos na cidade á empresa Cespa Compañía Española de Servizos Públicos e Auxiliares S.A. con suxeción a certas condicións.

A Mesa de Contratación elevou esta proposta despois de seguir os pasos marcados pola Asesoría Xurídica do Concello e tras a resolución do TACGal que anulou a primeira adxudicación feita en 2019.

O concelleiro de Facenda, José Manuel Lage, explicou hoxe que “o compromiso do Goberno local era adxudicar o servizo de recollida de lixo á maior brevidade posible e en calquera caso antes do 31 de marzo”. Nesa liña destacou que “o obxectivo do Executivo local que dirixe Inés Rey é que no ano 2020 se regularizen os contratos de limpeza viaria e recollida de lixo e que se poidan mellorar as prestacións destos servizos esenciais para a cidadanía”.

Lage aclarou que “dada a complexidade da situación na que atopamos o procedemento de contratación do servizo de recollida de lixo, este goberno optou por un principio de máxima prudencia e en todo momento seguimos as indicacións da Asesoría Xurídica para determinar os pasos a dar na aplicación das resolucións do TACGal”.

A adxudicataria asume a mellora na recollida de residuos procedentes da poda e no servizo de compostaxe individual e comunitario, así coma o desenvolvemento dun proxecto piloto para a implantación dun modelo de recollida selectiva de materia orgánica de acceso voluntario e restrinxido.

Por outra banda, o prezo do contrato, que terá unha duración de oito anos improrrogables, é de 11.594.877,06 euros anuais (IVE incluído), sendo o gasto máximo previsto para o exercicio 2020 de 7.729.918,04 euros. Para os exercicios 2021, 2022, 2023, 2024, 2025 e
2026 o gasto é de 11.594.877,06 euros, e para o 2028 a contía é de 3.864.959,02 euros.

A Mesa de Contratación valorou que a proposta de Cespa era a única que cumpría os requisitos establecidos nos pregos reguladores da contratación, tendo en conta os informes técnicos emitidos previamente, seguindo as indicacións fixadas dende a Asesoría Xurídica. As outras dúas licitadoras aínda presentes no procedemento, ao xuizo dos servizos técnicos non cumprirían os requisitos.

Os informes técnicos determinaron que a UTE Copasa – Geseco – Setec Building S.L., que quedara no segundo posto por puntuación, fora excluída do procedimento aberto por incumprir o disposto no prego de prescricións técnicas no relativo ás dimensións dos vehículos ofertados para a recollida de residuos na zona centro de máxima concentración hostaleira.

No caso da UTE Valoriza Servicios Medioambientales – Arias Infraestructuras S.A., que era a licitadora que ocupaba o cuarto posto por puntuación, o servizo de Medio Ambiente tamén formulou informe que propón que se quede fóra deste procedimento por conter a súa oferta económica un erro insubsanable e manifesto.

Por outra banda, e para dar resposta á nova instrución de contratación que este goberno aprobou o pasado 6 de novembro de 2019 a Xunta de Goberno Local acordou a aprobación dos pregos tipo para os procedementos abertos simplificados abreviados para a contratación de obras, servizos e subministracións no concello.

O obxectivo do Goberno local é axilizar este tipo de trámites por ser un procedemento máis sinxelo e con maior celeridade nas obras cuxo valor estimado sexa inferior a 80.000 euros e de suministros e servizos cando o seu valor sexa inferior a 35.000 euros, agás os que teñan por obxecto prestacións de carácter intelectual.

A reforma do servizo de Contratación realizada no pasado mes de novembro de 2019 ten por obxecto reducir o tempo medio de tramitación dos procedementos de contratación que ata o mes de setembro do pasado ano era de dezasete (17) meses de media.

O Goberno local fíxase como obxectivo, que no período de doce meses (antes de decembro de 2020), a “normalización” do funcionamento do servizo de contratación, coa reducción do tempo medio dos procedementos de contratación á metade (9 meses), para impulsar a contratación e a execución orzamentaria.