Thursday 21 de November de 2024

Boimorto mellorará os seus espazos públicos cunha achega de máis de 91.200 euros da Deputación


A principal actuación consistirá na reparación de camiños en Corneda, Mercurín, Sendelle, Andabao e Dormea

O municipio de Boimorto recibirá unha achega da Deputación superior aos 91.200 euros para mellorar varios espazos do concello. Así se acordou no último pleno da institución provincial, no que se aprobaron dous convenios co concello.

O primeiro deles consistirá na intervención sobre varios camiños das parroquias de Corneda, Mercurín, Sendelle, Andabao e Dormeá para gañar en seguridade viaria.

Os traballos centraranse na reparación do firme e a limpeza de cunetas por ambas marxes, así como o acondicionamento de rasantes e aliñacións nos camiños de Cando (Dormeá), Torre-O Souto (Andabao), Mercurín (na parroquia do mesmo nome), Curro Peque-Paredes (Corneda) e Marco (Sendelle). En total os traballos ascenden a 76.834,50 euros, que a Deputación asumirá en solitario.

Novo espazo para a veciñanza
Tamén no mesmo concello, a institución provincial prevé levar a cabo a recuperación dun espazo público en Santarandel, na parroquia de Arceo.

Nesta área se instalará céspede e unha senda peonil con lousas de pedra, ademais dun banco para permitir o goce dos veciños. Ademais, o proxecto inclúe a canalización de augas pluviais, a construción dunha cuneta e tubaxes de formigón; ademáis de bolardos no exterior, para garantir a seguridade. Tamén neste caso a Deputación asume o custe total da obra, que ascende a 14.448,76 euros.