Friday 22 de November de 2024

O alcalde e o delegado do Goberno visitaron as obras da escalinata e da cripta románica da Catedral


 

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, visitaron este xoves as obras de restauración da escalinata e da cripta da Catedral, unha actuación do Ministerio de Transportes incluída no Programa de Rehabilitación Arquitectónico. O proxecto, que executa a UTE Obradoiro (Proyecon e Emergis), ten un orzamento de 1,4 millóns de euros e un prazo de execución de 16 meses.

As obras permitirán a rehabilitación da gran escalinata de pedra de acceso á Catedral pola fachada do Obradoiro, e da reixa que a completa e pecha pola súa fronte e laterais. O proxecto tamén inclúe a restauración da cripta románica inferior, onde se executarán traballos de pavimentado, carpintería, instalación eléctrica e reapertura do acceso á nave, que actualmente está cegado. Hai outras actuacións puntuais no arranque da fachada, no seu encontro coa terraza de acceso, e na parte inferior da torre sur de época románica, en continuidade coa escaleira que vén da cripta.

A actuación en marcha é unha prolongación a todos os traballos que se veñen realizando nos últimos anos na fachada e nas torres do Obradoiro, mantendo a unidade de criterio de acordo ao Plan Director existente, e que supuxo un investimento global de 24 millóns de euros.

Na visita desta mañá, ademais do alcalde e do delegado do Goberno, participaron tamén, entre outros, a concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural, Mercedes Rosón; a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo; o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, e o arquitecto director das obras, Javier Alonso.