Saturday 16 de November de 2024

San Sadurniño continúa sen pediatra e durante algún tempo estará tamén sen matrona


 

O Punto de Atención Continuada de San Sadurniño encóntrase nestes momentos sen matrona debido a unha incapacidade temporal da profesional que atende habitualmente o servizo un día na semana. Por este motivo, as futuras nais que pasan as súas revisións no centro médico local están sendo derivadas a Narón. A situación -segundo puido saber o Goberno local- podería manterse durante alomenos un mes ou incluso máis, dado que o SERGAS non está cubrindo o servizo en San Sadurniño durante esta baixa laboral. Esta merma na proximidade asistencial vén sumarse a outras circunstancias que se están deixando notar no funcionamento do PAC, como o feito de que aínda non se restablecese a atención pediátrica itinerante que había ata finais de 2018 ou que tampouco se lle estea dando cobertura ás baixas e vacacións dos dous médicos de familia cos que conta o centro. Estas e outras cuestións relacionadas coa sanidade pública galega levaron ao BNG e ao PSOE a aprobar no último pleno ordinario unha moción esixindo melloras e en apoio da manifestación convocada para este domingo en Santiago pola plataforma SOS Sanidade Pública.

San Sadurniño segue sen noticias sobre o restablecemento do servizo de pediatría permanente e itinerante que desde hai máis dun ano o SERGAS vén suplindo con tres profesionais procedentes de Ferrol e Narón que complementan as súas respectivas quendas de tarde acudindo polas mañás tres veces por semana e de maneira rotatoria ao PAC de San Sadurniño.

A solución non satisfai nin ás familias das máis de 300 crianzas usuarias do servizo nin tampouco aos concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido. Desde xaneiro de 2019 -momento en que marchou a pediatra do centro médico- uns e outros manifestaron publicamente en distintas ocasións o seu desacordo cunha fórmula de cobertura da atención sanitaria infantil que supuxo a eliminación das consultas itinerantes por eses municipios -e tamén o das Somozas- que agora están centralizadas en San Sadurniño.

Ademais, as familias quéixanse de que, malia non dubidar da profesionalidade dos facultativos, ter tres médicos distintos atendendo á rapazada vai en detrimento do seguimento personalizado dos casos en comparanza coa situación anterior, cando os levaba sempre a mesma persoa.

Segundo informa o Goberno local tras interesarse polas previsións da Xunta ao respecto do restablecemento do servizo tal e como se viña prestando, todo apunta a que, polo de agora, a situación vai seguir igual. Ademais, hai escasos días tamén se produciu a baixa da matrona do centro de saúde sen que o SERGAS enviase quen a substituíse. En vez diso, o centro médico vese na obriga de derivar as usuarias cara ao servizo de Narón. Tal e como denuncia o Concello, a falla de substitucións por baixas ou vacacións dos facultativos vén sendo tamén unha constante no PAC de San Sadurniño, de maneira que cando falta un dos médicos ten que ser o outro quen asuma todas as súas consultas.

Moción e manifestación o domingo
En situacións parecidas -sobre todo no tocante á falla de pediatras- están outros concellos da comarca, como A Capela, Ares, Mugardos ou, máis recentemente, As Pontes. O SERGAS alude á falla de suficientes profesionais titulados para cubrir as vacantes, mentres que os grupos políticos que conforman a oposición no Parlamento Galego apuntan a unha falla de previsión por parte da xunta na convocatoria e cobertura efectiva de prazas durante os últimos anos.

A cuestión foi obxecto de debate no pleno ordinario celebrado a semana pasada. O BNG achegou unha moción que contextualiza o problema nunha política sanitaria da Xunta de Galicia baseada, entre outros, “nos recortes de recursos e orzamento, no desmantelamento de hospitais comarcais, no abandono dos Centros de Atención Primaria, na privatización e externalización de servizos esenciais e na precarización e explotación do persoal”.

O texto presentado no pleno achega un decálogo de medidas que, en último caso, buscan un maior compromiso autonómico co sostemento e mellora do sistema sanitario público galego, ademais de expresar o apoio municipal (votaron a favor BNG e PSOE mentres que o PP se abstivo) á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para este domingo ás 12.00h. polas rúas de Santiago de Compostela.