Friday 22 de November de 2024

O Pleno de Trazo aproba unha moción do PSOE para pedirlle á Xunta que restableza o servizo de matrona, pese ao voto en contra do PP


 

As sesións plenarias pasarán a celebrarse o último venres dos meses impares ás 20:00 horas, en vez de ás 9:00 horas

O Pleno de Trazo vén de aprobar unha moción presentada polo grupo municipal socialista para pedirlle á Xunta de Galicia que restableza o servizo de matrona no concello, para que as pacientes non teñan que desprazarse aos centros de saúde de Ordes ou Santiago de Compostela, como acontece agora. Unha moción que saíu adiante grazas aos 6 votos a favor de PSOE, Somos Trazo e BNG, e a pesar dos 5 votos en contra do Goberno do Partido Popular.

A voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez, lamenta que “nunha moción na que só pedíamos melloras para Trazo, como o restablecemento do servizo de matrona e que se cubran as baixas dos médicos no centro de saúde, o Partido Popular votara en contra a pesar de recoñecer as necesidades”. Neste sentido, Domínguez critica que a alcaldesa “respondera tirando do argumentario do partido e utilizando macronúmeros propios dun debate no Parlamento de Galicia, cando isto é o Pleno de Trazo, estamos falando dunhas necesidades recoñecidas polo propio PP e, aínda así, votaron en contra”.

A moción aprobada polos grupos da oposición tracense insta á Xunta de Galicia a restablecer o servizo de matrona, que se cubran as baixas ou ausencias dos profesionais (como está a acontecer de novo no centro de saúde de Agro do Mestre) e que se dote da maior estabilidade posible aos/as profesionais e traballadores/as do sistema galego de saúde.

Cambio de horario

Os socialistas tamén sacaron adiante unha segunda moción, desta vez por unanimidade, na que se insta á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a dotar aos concellos do orzamento suficiente para facer fronte ao servizo de axuda no fogar. Así mesmo, aprobouse tamén por unanimidade unha moción por urxencia de Somos Trazo para cambiar o horario das sesións plenarias, que seguirán manténdose os últimos venres dos meses impares pero ás 20:00 horas (en inverno) e ás 21:00 horas (no verán), en vez de ás 9:00 horas.

Finalmente, o concelleiro socialista José Manuel Juncal instou ao Goberno “a repartir entre as dúas gasolineiras instaladas en Trazo o gasto municipal en combustible, de forma que unha subministre o combustible para a calefacción e a outra o gasóleo para os vehículos municipais”. Así mesmo, agradeceu ao Goberno que cumprira a petición socialista de limpeza de cunetas, ao tempo que os instou a continuar con esa labor; e solicitaron que a empresa Espina e Delfín deixe de ocupar o local da parte baixa do Concello e que no seu lugar se instale o Rexistro Xeral, “para facilitarlle o acceso á veciñanza”.
No que atinxe ao resto da sesión plenaria, as dúas propostas da orde do día foron aprobadas por unanimidade: solicitar o ingreso de Trazo no Refuxio de Animais de Bando e iniciar o procedemento para o arquivo audiovisual das sesións plenarias do Concello de Trazo.