O programa, aprobado por unanimidade no pleno de hoxe, contempla a execución de traballos de mantemento, reparación de firme e pavimentación nos máis de 2.100 quilómetros da rede provincial de estradas
O Pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, por unanimidade de todas as forzas políticas, o Plan de conservación de vías provinciais para o ano 2020, dotado cun orzamento de 7.900.933,89 euros.
O programa contempla a execución de traballos de mantemento, reparación do firme e pavimentación nos máis de 2.100 quilómetros de estradas cos que conta a rede viaria da Deputación. Todas estas actuacións están destinadas a mellorar as condicións de circulación, aumentar a seguridade viaria e reducir a sinistralidade nas estradas da provincia
Ademais do Plan de conservación, o Servizo de Vías e Obras da Deputación ten en marcha un programa destinado exclusivamente á roza e limpeza das marxes das estradas provinciais, no que inviste anualmente preto de medio millón de euros. Dende 2017, as rozas das estradas provinciais son obxecto dun contrato independente do Plan de conservación, co obxectivo de mellorar e axilizar este servizo no que se inclúe a limpeza das marxes de todas as estradas varias veces ao ano, para mellorar a visibilidade da circulación, evitar a propagación de incendios e facilitar a drenaxe de augas pluviais.
4.000 euros por quilómetro
Os programas de conservación e de rozas das estradas provinciais suman un investimento duns 4.000 euros anuais por quilómetro, “un dos máis elevados dos que realizan as administracións públicas en conservación de estradas”, apuntan dende o goberno que preside Valentín González Formoso, que entende que “o mantemento das vías nas mellores condicións é tan importante como a construción de novas infraestruturas”.