Os deputados José Manuel Pequeño e Blas García, acompañados de representantes dos concellos de Ames e Teo visitaron hoxe a estrada DP-0206 para coñecer a situación actual
A Deputación estuda a proposta dos concellos de Ames e Teo para mellorar a seguridade peonil no lugar da Agrela
O deputado responsable da área de Vías e Obras da Deputación da Coruña, José Manuel Pequeño, e o deputado de Promoción Económica, Blas García, acompañados de representantes dos concellos de Ames e Teo, visitaron hoxe a estrada provincial DP-0206 ao seu paso polo núcleo de Agrela, onde os gobernos municipais de ambos os dous municipios solicitan a construción de beirarrúas en ambas marxes da estrada co obxectivo de mellorar a seguridade peonil, tanto dos/as veciños/as que transitan diariamente por este lugar como dos/as peregrinos/as, xa que por esta vía pasa o Camiño Portugués. Na actualidade a empresa Estudio Técnico está elaborando o proxecto e solicítaselle a Deputación que financie ditas obras, a través dalgún plan provincial.
En dita visita participaron do Concello de Ames, o alcalde, José Miñones, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos e deputado provincial, Blas García; do Concello de Teo asistiron, a primeira tenente de alcaldía e concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, o concelleiro de Infraestruturas, Roberto Moñino, e o concelleiro de Servizos Básicos, José Manuel Elías.
Pequeño afirmou que a Deputación da Coruña estudará o proxecto de mellora da seguridade peonil na estrada provincial DP-0206 solicitado por Ames e Teo, que ademais de ter a singularidade de enlazar dous concellos forma parte do Camiño Portugués, polo que rexistra unha afluencia importante de camiñantes, a pesar do cal carece dun itinerario peonil seguro. Na actualidade existe unha beirarrúa por unha das marxes, pero habería que acondicionala e construír unha nova pola outra marxe da estrada.
As beirarrúas construiríanse no termo municipal de Ames e de Teo, xa que a marxe esquerda da vía dirección O Milladoiro pertence ao termo municipal de Ames, mentres a marxe dereita é do municipio e Teo.
Os concellos de Ames e Teo precisaron que, unha vez rematado o proxecto, enviaráselle á Deputación da Coruña para estudar a súa viabilidade.