Friday 22 de November de 2024

O Concello aproba un investimento de 600.000 euros en 2015 para cubrir dende o 1 de xaneiro o programa Talón Restaurante


Autorizadas licenzas urbanísticas que supoñen un investimento na cidade de 2,29 millóns, entre as que destaca o permiso para ampliar as instalacións do Hospital Quirón

A Xunta de Goberno Local aprobou de xeito anticipado o presuposto de 600.000 euros necesario para cubrir en 2015, a partir do próximo 1 de xaneiro, o programa Talón Restaurante. Na sesión desta mañá tamén se decidiu presentar ao Ministerio de Facenda unha proposta que permitirá aforrar aos coruñeses 816.085 euros no préstamo de 7,05 millóns solicitado en 2012 para pagar as facturas a provedores que deixou pendentes o anterior goberno.

TALÓN RESTAURANTE
A decisión de aprobar, de xeito anticipado, o investimento de 600.000 euros previsto no Presuposto Municipal de 2015 para o programa Talón Restaurante garante que o Concello dispoña desta partida económica e poida cubrir o próximo ano este servizo dende o 1 de xaneiro.
O Goberno municipal dedica 600.000 euros en 2015 para o Talón Restaurante, un investimento similar á deste ano e máis do dobre que cando o actual equipo de goberno chegou a María Pita en 2011, que eran 250.000 euros. Este incremento na achega a este programa de Servizos Sociais traduciuse nun aumento dos usuarios durante o actual mandato.
O programa Talón Restaurante mantén para o próximo exercicio as principais novidades implantadas en 2014, como o perfil de posibles usuarios, pois aos maiores de 65 anos se uniron pensionistas, persoas viúvas e minusválidas maiores de 60 anos. Ademais, o Concello mantén a súa achega ao prezo do menú (3,74 euros) sen repercutir no prezo que pagan os usuarios, que se mantén nun máximo de 3,56 euros. Así, o prezo máximo do menú non poderá exceder de 7,30 euros. As persoas beneficiarias do programa recibirán un talonario mensual de entre 10 e 25 bonos, dependendo da súa situación persoal.
Xestionado pola Oficina Municipal de Dependencia, Maiores e Minusvalidez, os requisitos para ser beneficiario do programa son estar empadroado e ter residencia efectiva na Coruña, non ser beneficiario do programa municipal de Comida a Domicilio, e ter unha capacidade económica mensual igual ou inferior ao 200% do IPREM vixente.
O Talón Restaurante non só contribúe á socialización dos usuarios, fomentando as relacións sociais e a autonomía persoal, senón que tamén supón unha boa forma de dinamizar a economía da pequena hostalaría de todos os barrios da cidade porque supón uns ingresos de ao redor de 1,2 millóns de euros entre a achega municipal e a dos usuarios.
Un dos principais eixes de acción dos presupostos de 2015 é o gasto social e a conciliación da vida familiar e laboral. As grandes partidas para esta finalidade soben en 2015 ata un 5,9% con respecto a este ano, unha porcentaxe aínda maior, do 31,8% (1,8 millóns de euros), se se comprase con 2011. Neste mandato, os programas onde se produciu un incremento máis significativo son Emerxencia Social (onde se triplicou), en Talón Restaurante (máis do dobre) e en Comedores Escolares (tamén máis do dobre, un 113,1%), aos que se suma o investimento en Axuda a Domicilio, cunha suba do 12,1% dende 2011.
PRÉSTAMO
O Concello da Coruña aforrará 816.085 euros no préstamo de 7,05 millóns solicitado en 2012 para pagar as facturas a provedores que deixou pendentes o anterior goberno. Esta circunstancia prodúcese grazas a que o actual Executivo local puido refinanciar o crédito.
Ao novo préstamo refinanciar optaron un total de 9 entidades bancarias, valorando os técnicos municipais que a mellor oferta presentada foi a de Abanca, cun tipo de xuro referenciado a Euribor a tres meses máis 0,85. O importe pendente de pagar é de 6.615.103,79 euros nun prazo de 7 anos e medio (ata maio de 2022). Trátase dunha operación financeira que non leva consigo variación no nivel de débeda viva do Concello nin prolongación dos prazos de vencemento.
Unha vez comprobado que o novo préstamo supón un considerable aforro ás arcas municipais, a Xunta de Goberno Local acordou na sesión de hoxe solicitar ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a súa autorización para formalizar este refinanciamento para pagar as cotas pendentes do préstamo co que se salda a débeda contraída por anteriores xestores municipais cos provedores.
Este acordo de Xunta de Goberno supón unha continuidade ao que xa se produciu no pleno de xuño, cando se aprobou unha redución do tipo de xuro en 140 puntos básicos (1,4%) no plan de pagamento a provedores aprobado en 2012; un acordo plenario que se adoptou a raíz da proposta presentada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para a modificación das condicións financeiras do plan de pagamento a provedores.
O Concello tamén logrou este ano un aforro de 1,4 millóns de euros cada ano ao lograr o aprazamento de 10 a 20 anos do pagamento dos saldos debedores derivados das liquidacións definitivas da participación en tributos do Estado dos anos 2008 e 2009. O entón Goberno dirixido por José Luis Rodríguez Zapatero concedeu ao Concello coruñés 24,35 millóns de euros máis dos que lle correspondían, un diñeiro, que se gastou o bipartito municipal.
LICENZAS URBANÍSTICAS
A Xunta de Goberno concedeu licenzas urbanísticas que supoñerán un investimento na cidade de 2,29 millóns de euros, o que eleva a cantidade dende o inicio do mandato ata os 321,29 millóns de euros. Entre os permisos autorizados encóntranse os expedientes para a instalación dun ascensor nun inmoble da rúa Adelaida Muro e a reforma dun portal para mellorar o acceso a un elevador en Varela Silvari.
O Concello tamén concedeu a licenza para o movemento de terras, a execución dun muro de contención e a posterior construción dun edificio anexo ao Instituto Policlínico Santa Teresa – Hospital Quirón. Cun presuposto final de 1,94 millóns de euros, a obra permitirá ampliar as instalacións da área cirúrxica e de esterilización deste complexo hospitalario nunha parcela de 10.332 metros cadrados.
Na sesión desta mañá, a Xunta de Goberno tamén aprobou definitivamente o texto refundido do proxecto de compensación do polígono API Q28 Parque de Oza, unha vez se axustou ás directrices marcadas polos técnicos municipais. A superficie total de cesións obrigatorias é de 42.022,40 metros cadrados (viais: 29.225,93 metros cadrados; espazos libres: 6.854,99; e equipamentos: 5.941,48).

DEPORTES
A Xunta de Goberno Local tamén autorizou a licitación, mediante procedemento aberto, do contrato de subministración de gas para sete instalacións deportivas municipais: San Diego, Riazor, os polideportivos do Barrio das Flores, Sagrada Familia, Mesoiro e
Os Roseiras, e o campo de fútbol Rodrigo García Vizoso na Grela. O contrato sácase a concurso por dous anos, cun presuposto máximo de 808.245,72 euros anuais.
LIQUIDACIÓN DE ORA E GRÚA
A Xunta de Goberno Local tamén acordou a liquidación do servizo da grúa e ÓRAA correspondente ao período entre decembro de 2013 e novembro de 2014 por un importe total de 365.314,56 euros.
O déficit ten desminuido practicamente á metade (redución do 45,2%) dende a última liquidación aprobada, correspondente ao período entre xullo de 2012 e últimos meses de 2013.
Así, pasouse dun déficit de 55.571 euros ao mes a 30.442 euros segundo a liquidación aprobada hoxe. Para certificar a información enviada pola empresas encargada deste servizo, o Concello realizou un control semanal aleatorio por mostraxe do material (tíckets diarios e soportes xustificativos presentados) e contratou unha auditoría externa para o control informático da recadación dos parquímetros do servizo de
ÓRAA.
Para mellorar a calidade de ambos os dous servizos e lograr unha xestión máis eficiente, a Concellaría de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público iniciou recentemente a tramitación administrativa para a contratación por separado dos servizos de ÓRAA -que elimina calquera déficit de explotación con cargo ás arcas municipais- e da grúa. Por este motivo, o Goberno local acordou non prorrogar o actual contrato de ORA e Grúa, formalizado no ano 2005 polo goberno socialista cunha duración de 10 anos, prorrogables outros dous, debido aos resultados deficitarios que custaron aos petos de todos os coruñeses máis de 3 millóns de euros entre as perdas e os atrasos.
BUS URBANO
A Xunta de Goberno Local tamén deu o visto e prace ao convenio presentado a semana pasada polo alcalde da Coruña, Carlos Negreira, para desbloquear unha histórica demanda veciñal de hai 30 anos e asinar así co Concello de Arteixo e a Xunta un acordo que posibilitará dar servizo aos residentes de Meicende e que a liña 6 do bus urbano coruñés poida parar no municipio arteixán.
Este primeiro acordo interurbano de transporte público entre distintas administracións en Galicia supón dar un paso definitivo para contar cunha conexión directa entre o núcleo de Meicende e a cidade a través do transporte público urbano. O novo servizo prestarase a través da actual liña 6 do bus urbano coruñés. A subscrición do convenio
non supoñerá achega económica por parte do Concello coruñés á Compañía de Tranvías, pois será o municipio de Arteixo -a través do Concello da Coruña- o que deberá aboar á empresa o gasto correspondente en caso de que sexa preciso.