A participación nos tratamentos gratuítos débeselle solicitar a Medio Rural
O chancro dos castiñeiros é unha enfermidade provocada polo fungo Chryphonectria parasitica que mata as árbores e, se non se atalla, acaba rapidamente con plantacións enteiras. Está presente en todo o mundo e en Galicia detectouse hai case medio século. Existen plantas que ofrecen máis resistencia ca outras, pero ningunha está a salvo dunha infección contra a que durante anos se combateu con medidas profilácticas: cortando e queimando exemplares e pólas infectadas, aplicando selantes para as feridas e tendo moito coidado de desinfectar as ferramentas de poda e corta para que non fosen un vector de propagación do fungo. Porén, nin así se conseguiu evitar o seu avance. Agora a Consellaría do Medio Rural ten en marcha un plan de combate alternativo baseado na loita biolóxica, utilizando como arma cepas “hipovirulentas” da chryphonectria que non causan danos nas árbores e que, segundo se agarda, poderían acabar desprazando ás que si son virulentas. Calquera persoa que teña castiñeiros pode participar nesa guerra solicitándolle á Xunta que trate completamente de balde as súas árbores. Para iso só hai que cubrir esta ficha que logo se debe remitir a sanidadeforestal.cmrm@xunta.gal.
O chancro é bo de detectar. O fungo que o causa entra na árbore por calquera pequena ferida que teña na cortiza e, unha vez dentro, vai estendendo o seu micelio -a “raíz”- pola parte interior. Desde fóra vese como a casca vai amarilleando e como aparecen fendas lonxitudinais que acaban abrindo e producindo grandes feridas. Para daquela a árbore xa estará sentenzada, ou case, e só habería a opción de tentar eliminar as partes danadas, incineralas, aplicar unha pasta cicatrizante e cruzar os dedos para que se salve se a infección é pequena.
As medidas culturais baseadas na inspección e na eliminación de partes ou árbores infectadas só deron como resultado nos últimos anos unha certa ralentización do avance do fungo, pero non a súa eliminación da Castanea sativa -o castiñeiro europeo- que é especialmente sensible á enfermidade en contraposición coas especies de orixe asiática, máis tolerantes despois de séculos de evolución natural.
O único que promete dar resultados é a loita biolóxica utilizando cepas do mesmo fungo que son portadoras dun virus que atenúa os seus efectos prexudiciais sobre a árbore. É dicir, a idea é poñer nos pés infectados estas cepas “hipovirulentas” para que lle contaxien o virus ás que si son daniñas, co obxectivo de que cando se reproduzan sexa o fungo bo o que se multiplique en vez de ser o malo.
O plan de actuación contra a Chriphonectria parasitica posto en marcha por Medio Rural ten dividida Galicia en cuadrículas de 16×16 quilómetros onde se aplicará este tratamento experimental -que foi efectivo en laboratorio- en todas aquelas parcelas para as que se solicite e sempre que cumpran cos criterios técnicos de distribución territorial e efectividade. As persoas titulares que se queiran sumar voluntariamente ao programa deben cubrir unha ficha cos seus datos e a referencia catastral da plantación, sexa para froito, para madeira ou para un aproveitamento mixto.
Nos soutos farase unha primeira inspección e logo inocularase o fungo debaixo da cortiza daquelas árbores cun diámetro superior aos 25 centímetros, rodeando os puntos onde haxa presenza de chancro. Non se trata dunha operación sistemática, senón que será o persoal especialista de SEAGA quen decidirá en que zonas e árbores se aplica o fungo, co obxectivo de garantir unha distribución efectiva dos pés menciñados por toda Galicia. Os propietarios ou propietarias deberán comprometerse a manter as masas de castiñeiro onde se dese o tratamento durante alomenos 5 anos.
Ademais de pedir a participación no programa, desde Medio Rural lémbranse as recomendacións habituais para minimizar o impacto do chancro: facer podas na época de menor actividade dos fungos, desinfectar os útiles cada vez que se cambie de árbore e protexer as cicatrices de poda con algunha pasta cicatrizante.
Desde 2011, a Consellaría do Medio Rural foi incrementando o número de inoculacións, pasando das 1.476 nese ano ás 25.218 do ano 2015. En 2017 aproximáronse ás 24.000, en 2018 foron 7.000 e o ano pasado o total de pés tratados situouse nos 19.081. Para este 2020 prevense inocular co fungo hipovírico outros 20.700 castiñeiros.
Parasitos contra a avespiña do castiñeiro
O plan anti-chancro insírese nas actuacións de loita contra as pragas e enfermidades do castiñeiro no 2020, un documento que tamén se refire á avespiña que ataca as pólas desta árbore.
O sistema de combate nese caso fíase na súa totalidade á solta do parasitoide Torymus sinensis. O ano pasado ceibáronse en San Sadurniño cerca de 1.800 exemplares repartidos polas sete parroquias: 280 en Bardaos, 455 en Ferreira, 455 en Igrexafeita, 490 en Lamas, 210 en Naraío, 210 en Santa Mariña do Monte e 140 en San Sadurniño. Na web de Medio Rural de momento non figura información sobre o número de eclosións exitosas.