A alcaldesa, Inés Rey, destacou a necesidade de que a cultura se converta nun instrumento de inclusión social
María Pita acolleu esta tarde o acto da sinatura dos convenios coas entidades culturais seleccionadas na IV convocatoria do programa “Cultura Accesible e Inclusiva”, impulsada pola Fundación EMALCSA en colaboración co Concello da Coruña. O obxectivo do programa é garantir o acceso á vida cultural e ao desenvolvemento artístico da cidadanía, en especial das persoas con diversidade funcional en risco de exclusión social.
En total, destinaranse 100.000 euros ao desenvolvemento de trece proxectos que inclúen concertos, mostras, talleres e actividades culturais de carácter inclusivo que servirán para a integración de 141 persoas con diversidade funcional, xa sexa como traballadoras, asociadas ou voluntarias das asociacións. Ao longo do ano, o público poderá gozar dunha variada programación que finalizará coa realización do Festival de Artes pola Inclusión Cultural Festigual.
O desenvolvemento deste programa é posible grazas á colaboración entre organizacións do ámbito cultural e social da cidade que atenden a colectivos con diversidade funcional. Segundo as estimacións presentadas polas entidades, esta convocatoria beneficiará a máis de 6.000 persoas. Esta edición conta co apoio económico da Fundación María José Jove, Repsol, Vegalsa e Fundación Banco Sabadell.
No acto estiveron presentes a alcaldesa e presidenta da Fundación EMALCSA, Inés Rey, a súa vicepresidenta, Yoya Neira, o edil de Cultura, Jesús Celemín, o concelleiro de Deportes e membro do padroado da Fundación EMALCSA, Juan Ignacio Borrego, o director xerente da Fundación Manuel Aguilar, así como as persoas representantes das 13 asociacións culturais seleccionadas e das entidades patrocinadoras.
A alcaldesa, Inés Rey, agradeceulles ás entidades a súa participación no programa: “constituídes unha vía de participación cidadá e contribuídes de maneira decisiva á promoción da cultura” e fixo especial fincapé na necesidade de que a cultura sexa “un instrumento de intervención social, que sirva para transformar a cidade e conseguir unha sociedade inclusiva”.
Desde a posta en marcha do programa destináronse un total de 378.494 euros a 62 proxectos que contaron coa participación de máis 11.733 persoas. Nesta edición, a fundación confía en superar a cifra de 17.733.
Ademais das entidades, diversos centros escolares e institutos traballarán con nenas e nenos durante o curso escolar a través da variada programación cultural.
As entidades seleccionadas nesta IV convocatoria son:
-Asociación Participa para a Inclusión Social
-Asociación Proxecto Máscaras ( APM)
-Asociación Cultural Coruñesa Negus
-Poten100mos
-Asociación Cultural Zalaeta
-Asociación Cultural para a integración Social Diversos
-Asociación Cultural Tres por Cuarto
-Amigos do Museo Belas Artes da Coruña
-eSe8
-Asociación Cultural Sen Ánimo de Nome
-Asociación Socio-Cultural Mundo Sen Guerras e Sen Violencia A Coruña
-Asociación Demusicade
-Sociedade Filatélica da Coruña