O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, inaugurou unha mostra cos mellores fotogramas do documental de Mabel Lozano que ten o mesmo nome e que reflicten ese mundo clandestino e desprovisto de calquera humanidade
O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, inaugurou esta mañá no Centro Ágora a exposición “Chicas nuevas 24 horas”, producida pola Fundación Cepaim xunto con Mafalda Entertaiment. Esta mostra forma parte dun proceso de investigación para concienciar e previr a trata de persoas con fins de explotación sexual. O proxecto, realizado pola documentalista Mabel Lozano, enmárcase dentro do programa de actividades que organiza a Concellaría de Educación, nesa teima por facer ver en imaxes unha realidade como a escravitude sexual que xera máis de 32.000 millóns de dólares ao ano, achegando este negocio lucrativo a través de textos e de impactos visuais, en que son as propias vítimas as que aparecen no encadre que vai tamén ata as orixes do problema para crear espazos de reflexión.
A iniciativa ten un carácter participativo e está inspirada na peza audiovisual de Mabel Lozano. O comisario Juan Nicolás seleccionou unha serie de fotografías sacadas da rodaxe do filme que foron realizadas en Arxentina, Perú, Colombia, Paraguai e España. Son instantáneas sobre ese mundo clandestino, desprovisto de calquera humanidade, en que as propias persoas relevantes desta problemática oculta dan a cara. Ata o 20 de febreiro, as e os visitantes poderán percorrer o proceso de cousificación do ser humano coa posibilidade de facelo cunha persoa guía de acompañamento á exposición. Haberá tamén actividades didácticas.