Friday 22 de November de 2024

O VII Open de Andainas de Regularidade 25 km comezará en Noia o 16 de febreiro cunha andaina que espera superar as 400 persoas


 

Organizada polo Club Trabandainas, en colaboración co Concello de Noia, as inscricións están abertas ata o 12 de febreiro en www.cronocheck.com ou no Facebook de Trabandainas

O salón de plenos do Concello de Noia acolleu esta mañá a presentación andaina Noia25KM, organizada polo club Trabandainas en colaboración co Concello de Noia. Unha proba que terá lugar o vindeiro domingo 16 de febreiro e que suporá o inicio do VII Open Andainas de Regularidade 25 km, que inclúe probas en Marín, Guláns, Cuntis, Barbanza, Ponteareas e Xistra.

A andaina Noia25KM foi presentada pola concelleira de Deportes, Laura Salgado, e pola presidenta do Club Trabandainas, Pilar Santamaría, quen estiveron acompañadas por José Manuel Dosil, integrante da directiva do club. Laura Salgado destacou que “é o segundo ano consecutivo que o Open de Andainas de Regularidade de 25 km comeza en Noia” e animou a todos os veciños e veciñas da comarca a participar: “o ano pasado fomos 400 persoas e este ano esperamos superar esa cifra”.

Un punto no que coincidiu Pilar Santamaría, quen apuntou que “a día de hoxe xa somos 200 os participantes e pensamos que nestes 15 días que faltan se poderá igualar ou superar a cifra do ano pasado”. Santamaría agradeceu a colaboración dos Concellos de Noia e de Lousame, por onde discorrerá a andaina.

Dobre distancia

Dobre iniciativa que ofrece dous itinerarios: un competitivo de 25 km e outro recreativo de 15 km. En ambos casos, as inscricións estarán abertas en www.cronocheck.com, no Facebook do Club Trabandainas, no mail clubtrabandainas@gmail.com ou no teléfono 683 354 297 ata as 23:59 horas do mércores 12 de febreiro. O prezo das inscricións é de 10 euros persoas federadas e 13 euros non federadas (25 km) e de 6 e 9 euros (15 km).

En ambos casos, as andainas sairán o domingo 16 de febreiro da alameda de Noia. As persoas participantes na proba oficial de 25 km tomarán a saída ás 9:00 horas e quince minutos despois sairán as da proba alternativa de 15 km. “Non buscamos a velocidade, buscamos que todo tipo de persoas participen. Unha persoa que chega de última pode gañar a proba se leva un ritmo regular”, exemplificou Pilar Santamaría.

O percorrido da ruta de 15 km é “sinxela, cunhas boas paisaxes e accesible a todo tipo de persoas, incluído menores”, apuntou Santamaría, quen engadiu que “está orientada a desfrutar de tres ríos e da vexetación de ribeira”. Eses tres ríos son o San Xusto, o Vilacoba e a súa unión, o río Traba, que desemboca na ría de Noia. Así, a andaina pasará por aldeas lousamíás como Mirón, Lesende ou Vilacoba, achegándose incluso ata as papeleiras de Fontán. Os gañadores da proba recibirán trofeos exclusivos elaborados polo propio Club Trabandainas, así como un agasallo de Lurbel, empresa patrocinadora.

Finalmente, José Manuel Dosil lembrou que Trabandainas naceu en 2016 “dun grupo de amigos facendo o Camiño dos Faros. Hoxe temos 200 asociados, dos que 130 contan con licenza federativa”.