Friday 22 de November de 2024

Infraestruturas inicia as obras de mellora urbana do tramo final da rúa Ramón Cabanillas


 

Este proxecto constitúe un tramo máis da rolda peonil que unirá o Parque de San Diego co Parque da Agra do Orzán

A Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade inicia as obras de mellora urbana do tramo final da rúa Ramón Cabanillas, no barrio dos Mallos. Este proxecto constitúe un tramo máis da rolda peonil que a mesma concellería anunciou o pasado mes de xaneiro e cuxo obxectivo é unir o Parque de San Diego co Parque da Agra do Orzán cunha vía exclusiva para os peóns e as peoas.

Estas obras teñen como obxecto a mellora urbana do tramo final da vía para favorecer a dinamización da rúa e a relación co mercado municipal. Para iso, débese ordenar o aparcadoiro e as instalacións urbanas para facilitar e protexer a circulación peonil. A concellería asegura que, en todo momento, o obxectivo é fomentar as posibilidades de relación entre a cidadanía partindo das características intrínsecas do lugar.

Deste xeito, executarase unha vía en plataforma única con acceso para residentes e para carga e descarga, na que terán prioridade as persoas viandantes. O mobiliario urbano que se vai instalar deseñouse especificamente para esta vía e colocaranse distintos tipos de bancos para crear zonas de estancia. Canto ao arboredo e á vexetación, plantaranse seis exemplares de Acer Palmatum e mais plantas tapizantes ao redor das árbores. Ademais, mellorarase a rede de pluviais e aproveitarase para instalar tubaxes de drenaxe para a aireación e rega das raíces.

O concello quere que esta rúa se converta nun espazo de convivencia, accesible para toda a veciñanza e vinculado ao mercado municipal, tendo en conta o carácter comercial que se busca e as características da propia vía que presenta unha lixeira pendente do 2%. En definitiva, unha mellora para o barrio que optimizará as posibilidades de relación veciñal e fomentará a actividade terciaria da zona.

A obra, cunha duración de 3 meses, constitúe xunto coa reurbanización da rúa Puga y Parga, tamén en marcha, un tramo máis da rolda peonil anunciada hai semanas polo concello. Ademais, nos próximos meses comezarase a licitación por parte da Área de Mobilidade da reurbanización da rúa Mariscal Pardo de Cela. Con estas tres actuacións, o concello implanta 300 metros máis de rúas de prioridade peonil na cidade.